Até 45 estudantes participan na UVigo nos desafíos hacker de Telefónica

venres, 22 de marzo do 2019 Redacción

Estes días estase a celebrar en 10 cidades estatais, incluída Vigo, a quinta edición dos HackForGood, os encontros simultáneos da Cátedra Telefónica para favorecer a vertente máis positiva do espírito hacker: trátase de convidar a estudantes a resolver unha serie de desafíos co nexo común de contribuír, coa súa resolución, a un mundo mellor. Pola Universidade de Vigo participan 45 alumnas e alumnos de Enxeñaría, de Bioloxía, de Publicidade ou de Relacións Públicas.
O Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo acolle desde este xoves e o sábado a quinta edición en Vigo de HackForGood, un evento promovido pola Cátedra Telefónica e que se desenvolve de forma simultánea en dez cidades españolas (Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, Las Palmas...).
O encontro foi inaugurado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta de Telefónica Galicia Marta Menéndez, que se amosaron “tremendamente satisfeitos, coa evolución que está a amosar esta actividade e o gran nivel adquirido nas últimas edicións”. Sobre a evolución de HackForGood, a representante en Galicia da compañía de telecomunicacións, fixo fincapé en que o éxito do programa provocou que este ano se sumaran ao encontro outras dez universidades de toda España “acadándose a maior cifra de universidades participantes dos últimos sete anos, que é o tempo que leva organizándose o HackForGood, os últimos cinco con presenza aquí en Vigo”, recalcou Menéndez, que se referiu ás 25 cátedras coas que conta esta empresa na actualidade (distribuídas en 23 universidades públicas e privadas) como “a mellor maneira de achegarse ao talento universitario”.
Trala inauguración, o reitor e a responsábel en Galicia de Telefónica puideron coñecer de primeira man os proxectos nos que están a traballar cada un dos equipos. Fixeron o percorrido pola sala acompañados polo responsábel da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, o profesor José Cidrás, quen destacou o interese desta iniciativa non só para os estudantes, senón tamén para os docentes.
Nesta edición viguesa de HackForGood participan un total de 12 equipos, compostos por alumnas e alumnos de diferentes titulacións, sobre todo do Campus de Vigo, pero tamén de Pontevedra e Ourense. Boa parte dos participantes proveñen das enxeñarías, pero este ano destaca tamén a implicación do alumnado da Facultade de Bioloxía, que participa no encontro con varios proxectos de carácter ecolóxico.
Na edición viguesa de HackForGood repartiranse un total de 4.000 euros en premios: 1.000 para o primeiro premio, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A maiores haberá tamén catro premios temáticos, dotados cada un deles con 500 euros: á innovación social, á innovación enerxética, a sustentabilidade e o medio ambiente. Os equipos gañadores en cada sede competirán despois por algúns dos premios que se reparten a nivel nacional.
Organizadoras e metodoloxía
HackForGood conta co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade de Vigo, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars.
HackForGood estrutúrase ao redor de desafíos ou proxectos de innovación social denominados “retos” que poden ser propostos por calquera persoa ou entidade a través da web http://www.hackforgood.net e que a organización asignará a un equipo de hackers para que traballen na iniciativa durante o transcurso do encontro.
Durante HackForGood 2019 valorarase a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ademais da creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de acabado conseguido durante o hackaton e o impacto social das mesmas. Con todo iso, os participantes poderán acceder a tres categorías de premios: locais, nacionais e Big Day.
· Premios HackForGood Locais (concederanse aos mellores equipos de cada unha das sedes ou cidades, o último día de HackForGood). Primeiro premio: 1.000 euros. Segundo premio: 600 euros. Terceiro premio: 400 euros.
· Premios temáticos sede Vigo. Premio á Innovación Social: 500 euros. Premio á Innovación Enerxética: 500. Premio Sustentabilidade: 500. Premio Medio Ambiente: 500.
· Categoría Premios HackForGood Big Day (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais que se significaron pola súa continuidade e resultados obtidos desde a súa presentación a HackForGood). Primeiro premio. 4.800 euros. Segundo premio: 3.200 euros. Terceiro premio: 1.200.
· Categoría Premios Premios HackForGood Nacional: (concederanse aos 3 mellores equipos de entre todos os gañadores dos Premios Locais). Primeiro premio: 3.200. Segundo premio: 2.400. Terceiro premio: 800. Bolsa Universidade Politécnica de Madrid (50% -valorada en 3.000 euros). Premio Innovación Sustentábel de Telefónica (5 tabletas iPad). Premios Blockchain for Good Telefónica.

PUBLICIDADE