Até 500 lucenses, a maioría mulleres, remataron con éxito a formación en liña do Concello

venres, 16 de outubro do 2020 Sonia Pena

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, recibiron este xoves 15 de outubro, no salón de plenos do Consistorio, a once alumnos (en dúas quendas para garantir as normas sanitarias de 10 persoas máximo) que completaron os cursos da plataforma municipal Fórmate Lugo, un proxecto pioneiro activado para mellorar a empregabilidade da cidadanía e que foi rematado por medio milleiro de lucenses, dos que o 68% foron mulleres. Segundo fixo saber o Concello, as novas tecnoloxías constituíron un dos grandes piares da proposta.
O programa incluíu 50 cursos en liña divididos en 14 categorías profesionais.
A rexedora e o edil fixeron entrega aos participantes nos obradoiros dos seus respectivos diplomas e convidáronos a “continuar formándose para adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo e esixente que, con maior frecuencia, require duns coñecementos avanzados no eido dixital”, e desexáronlles “a mellor das sortes no seu futuro profesional”.
A alcaldesa fixo saber que os cursos máis solicitados foron o de Prevención de riscos laborais COVID-19 e Manipulador de alimentos, seguidos dos cursos de Xestión loxística; Xestión de vendas, marketing directo e utilización de redes sociais na xestión comercial; e Community Manager.
Os participantes realizaron os cursos de forma totalmente online a través da páxina web do programa Fórmate Lugo, que estivo dispoñíbel as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, o acceso foi posíbel dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tableta ou móbil. As horas de aprendizaxe dependeron de cada curso, oscilando entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.

PUBLICIDADE