ata 57 empresas de Boiro participan nunha xornada sobre Verifactu con Daniel Cerqueiro, de Docuten

martes, 25 de novembro do 2025 S. P.

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou na mañá deste martes 25 de novembro unha nova edición dos seus consolidados Almorzos ABE, centrados nesta ocasión na implantación do software Verifactu, ferramenta que transformará o sistema de facturación de autónomos e pemes. A convocatoria contou cunha participación moi elevada, con 57 asistentes, reflectindo en palabras da ABE “a preocupación e interese do sector por coñecer os cambios que se aveciñan”.
A sesión, celebrada no salón de actos da sede da ABE, estivo impartida por Daniel Cerqueiro, CMO (responsable de mercadotecnia) da firma galega Docuten, compañía referencial en transformación dixital, automatización documental e facturación electrónica. Cerqueiro explicou de forma clara e directa os puntos clave da normativa e as implicacións prácticas para as empresas.
Lembrou entre outras cousas que as empresas que facturan en papel, Word ou Excel non están obrigadas a adaptarse a Verifactu, ao non empregar software de facturación e que, en troques, “os negocios que usan programas de facturación, así como o comercio e a hostalería que emiten tíckets, deberán facelo mediante software homologado e acorde cos requisitos legais”.
Recordou tamén que “resulta imprescindible contactar co provedor do programa e solicitar a declaración responsable, que acredita o cumprimento da normativa” e que “unha vez iniciada a facturación nun software adaptado, non é posible alternar entre facturación manual e dixital: todas as facturas deben emitirse polo mesmo sistema para garantir integridade e rastrexabilidade”.
A sesión incluíu exemplos reais, aclaración de dúbidas e recomendacións prácticas para “planificar unha adaptación ordenada e segura”.
Ao finalizar, celebrouse un almorzo networking que favoreceu a relación entre profesionais e o intercambio de experiencias, reforzando o éxito dun formato (os Almorzos ABE).
A ABE informou de que o PDF coa presentación completa da charla está dispoñible para descarga na súa web, co obxectivo de “facilitar a consulta do contido a todas as empresas interesadas”.
A asociación agradeceu a asistencia das 57 empresas participantes, así como a colaboración da Cámara de Comercio de Santiago, da Oficina AceleraPeme e de Docuten por “contribuír a difundir información esencial para o futuro inmediato das empresas”.