Até 85 centros de ensino e 800 estudantes participan no programa InnovaTech

venres, 1 de decembro do 2023 S. P.

Este venres 1 de decembro celebrouse a inauguración do programa InnovaTech FP, unha xornada que se levou a cabo no Centro Integrado de FP Universidade Laboral de Culleredo e ao que asistían o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, onde se deron a coñecer os dez retos aos que terán que enfrontarse os 800 alumnos e alumnas dos 85 centros participantes que, organizados en equipos e coa participación duns 170 profesores, deberán achegar solucións tecnolóxicas viábeis ás propostas lanzadas por dez empresas integradas nesta acción pioneira da Xunta en colaboración co tecido empresarial galego.
No encontro tamén estiveron a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, quen subliñou a importancia desta acción enfocada a que o alumnado adquira unha alta formación tecnolóxica “prioritaria para o seu futuro profesional”. “Son desafíos moi específicos e para o seu desenvolvemento fai falla un entorno académico que permita conectar a innovación educativa a través da tecnoloxía, polo que InnovaTech contará co Centro Galego de Innovación de FP, con sede en Ourense, como polo tractor”, explicou o titular de Educación durante a inauguración das xornadas.
En canto ás propostas das empresas, dicir que tratan solucións tecnolóxicas en campos moi variados como o forestal, téxtil, alimentario ou de servizos. En concreto, a empresa Viaqua propón o deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais; Pérez Rumbao busca o desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción, e o grupo Diesemm quere unha solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos.
Finsa propón a creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais; Aceites Abril focalízase nun método ou sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado e a empresa El Pulpo quere que se cree unha colección téxtil reciclada. L’Oreal busca solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado, e Roberto Verino, o deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente. A Fundación San Rosendo tamén se suma aos retos propondo o desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores, e Naturgy aposta por ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución.
A listaxe de todos os centros participantes de Galicia nesta iniciativa xa se pode consultar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A xornada en Culleredo continuou co relatorio Persoas que cambian o mundo, sobre innovación e creatividade da man do enxeñeiro informático e CTO e cofundador de iAR, Miguel Ángel Llorente. Para culminar, a coach executiva en Evolutia Consulting realizou unha dinámica sobre o tratado ao longo da mañá co título A.A. Alfabetización artificial.

PUBLICIDADE