Até cen drons luminosos sucarán o ceo de Rianxo no día grande da Guadalupe

mércores, 28 de agosto do 2024 S. P.

As Festas da Guadalupe de Rianxo incluirán no seu programa un innovador espectáculo de drons luminosos, que, segundo informou o Concello e a organización das ditas celebracións (a Asociación A Moreniña) protagonizarán o día grande das Festas, o domingo 15 de setembro. Explicaron tamén que se trata dunha das novidades do programa festivo previsto para este ano e que xurde do compromiso da Asociación A Moreniña e do Concello de Rianxo por apostar por “unhas festas máis inclusivas e ecolóxicas”, substituíndo o tradicional espectáculo de fogos artificiais.
A firma encargada de dirixir esta actividade alternativa será a empresa Flock Drone Art. Poderase ver ao longo do Paseo da Ribeira a partir da medianoite. Empregaranse cen drons luminosos que irán formando diferentes figuras animais, vexetais e máxicas acompañadas de música e baixo a temática da biodiversidade e a necesidade de velar por ela protexela. O espectáculo, chamado Eco, é de feito unha proclama a prol da conservación do medio ambiente e a urxencia de salvagardalo para as xeracións futuras. Trátase dunha proposta artística e tecnolóxica que, segundo informou a empresa, “mestura música e voz en off para levar aos asistentes a unha viaxe máxica polas marabillas naturais do planeta Terra”. O obxectivo é achegar imaxes de até 100 metros de ancho.