AtlanTTic celebra os seus 15 anos de avances

xoves, 20 de novembro do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na conmemoración do quince aniversario do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTTic) da Universidade de Vigo, un encontro organizado para poñer en valor «un proxecto que se consolidou como referente na innovación, transformación dixital e ciberseguridade de Galicia», tal e como sinalou o conselleiro, que felicitou os douscentos trinta e sete profesionais que «forman parte da familia AtlanTTic».
O representante do Goberno galego destacou tamén o papel deste centro, integrado na Rede CIGUS de excelencia universitaria, ao cualificalo como «un axente clave para que Galicia avance no eido das TIC» e engadindo que «é momento de recoñecer o camiño percorrido, reforzar o espírito innovador e continuar traballando para impulsar a I+G+i e construír a Galicia do futuro».
Nesa liña, o titular de Ciencia e Universidades subliñou a traxectoria do AtlanTTic, ao que a Xunta de Galicia leva prestando apoio desde o ano 2020 con máis de cinco millóns seiscentos mil euros mediante as convocatorias da Rede CIGUS e de equipamento científico, entre outras vías. O centro, creado en 2010 coa intención de consolidarse como un actor de referencia internacional no avance da I+D+i, conseguiu captar en financiamento competitivo desde 2020 case corenta millóns de euros.

Quince anos de avances

Ao longo destes tres lustros, o AtlanTTic acumulou fitos significativos. Entre eles figuran sete proxectos do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta e cinco spin-offs activas, ademais de seiscentas vinte e seis publicacións entre 2020 e 2024. Tamén destaca o impulso a investigacións de vangarda en ámbitos estratéxicos como as comunicacións 5G/6G, a ciberseguridade e a privacidade, a fotónica integrada, as tecnoloxías cuánticas ou as tecnoloxías aeroespaciais. Como exemplo, cómpre mencionar a creación do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou do laboratorio de redes de comunicacións B5G/6G Communication Networks Laboratory.
O AtlanTTic é un dos tres centros de investigación da Universidade de Vigo integrados na Rede CIGUS da Xunta. Xunto a el están o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), ao que a Consellería destinou seis millóns de euros, e o Centro de Investigación Mariña (CIM), cunha achega de cinco millóns. Esta aposta decidida pola I+G+i busca garantir un desenvolvemento estable da actividade investigadora dos centros da Rede CIGUS, que no caso de Vigo suma xa dezaseis millóns seiscentos mil euros.