AtlantTIC celebra o Día Internacional das Nenas nas TIC cun certame de fotografía e vídeo

xoves, 22 de abril do 2021 S. P.

O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo celebra o Día Internacional das Nenas nas TIC (este 23 de abril) cun actividade colectiva, participativa, creativa e, sobre todo, reivindicativa. Trátase dun certame de fotografía e vídeo. O prazo de presentación de traballo estará aberto até o 28 de maio. O obxectivo é poñer un gran de área na gran loita mundial contra a desigualdade tecnolóxica, un desequilibrio que se manifesta nunha chea de datos, por exemplo o feito de que só o 6% dos cargos CEO da industria tecnolóxica son mulleres.
Con este concurso o centro de investigación únese á multitude de actividades que se organizan baixo a iniciativa internacional #GirlsinICT, orientada a espertar o interese das nenas por ámbitos relacionados coas TIC e que este ano celebra xa o seu décimo aniversario.
Dende AtlantTIC convidan á cidadanía en xeral “a participar neste certame para conseguir amosar coas súas creacións artísticas a presenza feminina no ámbito científico, na enxeñaría e nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.
O obxectivo é “fomentar e alentar as vocacións das nenas cara disciplinas STEM e contribuír deste xeito á eliminación da fenda de xénero neste sector”.
O certame conta con dúas modalidades, fotografía e vídeo curto. As fotografías admitiranse obras en branco e negro ou en cor e realizadas mediante calquera técnica dixital (cámara fotográfica, móbil…). En canto aos vídeos curtos, a única condición é que teñan unha duración máxima de 1 minuto.
Tanto as fotografías como os vídeos deberán ser obras orixinais e inéditas, non publicadas con anterioridade noutro medio e realizadas con calquera técnica dixital. Cada persoa poderá concorrer cunha única proposta, pero pode facelo en ambas modalidades, seguindo as indicacións recollidas nas bases do certame dispoñíbeis na web do centro.
O prazo para entregar propostas permanecerá aberto ata o 28 de maio ás 14.00 horas e outorgarase un premio económico de 70 € ao mellor traballo en cada unha das modalidades.
As pezas gañadoras serán seleccionadas por un xurado que valorará a capacidade de “crear obras orixinais, artísticas, creativas e con amplo significado”, e tamén terán en conta o interese e a adecuación á temática proposta pola organización. As obras gañadoras serán anunciadas a través da páxina web do centro o 4 de xuño de 2021.

PUBLICIDADE