AtlantTIC festexa a divulgación tecnolóxica cunha vintena de actividades abertas

xoves, 14 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, centrado en novas tecnoloxías da información (Intelixencia Artificial, ciberseguridade, Big Data, telecomunicacións, etc) celebra este venres 15 unha manchea de actividades de divulgación con motivo da segunda xornada de portas abertas do programa Ciencia Singular (que tamén abrangue os restantes centros singulares da UVigo, en datas vindeiras). En AtlantTIC, o programa incluirá obradoiros prácticos e divulgativos e visitas aos laboratorios deste centro de investigación. Quen queira máis información (e facer as inscricións) pode consultala na web http://cienciasingular.gal/atlanttic/. As accións, unha vintena de actividades, celebraranse en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Esta xornada celébrase ao abeiro do programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, que chega á súa segunda edición co obxectivo de dar a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nos catro centros singulares de investigación da universidade viguesa: AtlantTIC, o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigaciones Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx).
Segundo explica Carlos Mosquera, director do centro TIC da UVigo, “como centro de investigación, aquí abórdanse numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicación en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade nas comunicacións. A participación neste tipo de iniciativas permítenos facer chegar este traballo á sociedade, dun xeito que mesmo nos permite achegarnos á tecnoloxía que se atopa detrás a través de diversos obradoiros e visitas guiadas”. Mosquera engade que “as tecnoloxías de telecomunicación están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, a veces de maneiras insospeitadas, e vemos preciso contribuír á súa difusión, dado que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, ou o 5G, todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría que poden espertar incluso vocacións entre os máis pequenos e pequenas”.
Ademais, explica, esta iniciativa “fainos entender algo esencial, que se pode facer investigación de calidade aquí moio preto, nos centros da Universidade de Vigo, en moitos casos con xente nova e moi motivada que formará parte do equipo que acompañará ás persoas visitantes”.
Todas as actividades serán de balde e para toda a familia e desenvolveranse entre as 16.00 e as 19.00 horas nas instalacións do centro TIC na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións no Campus de Vigo. Aínda que non é imprescindible realizar inscrición previa, todas as persoas interesadas en asistir poden rexistrarse na web (http://cienciasingular.gal/atlanttic/) e axudar así á organización a ter unha estimación de participación.
Nun plano máis concreto e poñendo o foco nas temáticas a tratar, haberá 13 obradoiros e 3 visitas guiadas, co persoal dos grupos de investigación que conforman AtlantTIC explicando o que se fai neste centro de investigación, como e onde se fai. Falarán dos proxectos nos que se están a traballar na actualidade, amosarán os laboratorios e os equipos que empregan no seu traballo cotiá e desenvolverán obradoiros, experimentos e actividades para dar a coñecer máis en detalle a tecnoloxía.
Ao longo da tarde desenvolveranse os seguintes obradoiros:
· Lightboard. Mostrarase unha lousa de cristal luminosa para proporcionar unha formación máis transparente.
· Impresión 3D, coa visualización do funcionamento dunha impresora deste tipo.
· Fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs). Visualizaranse os distintos pasos precisos para a fabricación destes circuítos, desde o deseño e a fabricación da placa ata o resultado final con todos os compoñentes xa soldados.
· Redes de comunicación 5G.
· Comunicacións ópticas (I) e (II). Nesta actividade tratarase de comprender de forma didáctica os mecanismos fundamentais da luz, con experimentos prácticos realizados sobre auga, doces ou M&Ms ou coa transmisión de información a grandes distancias a través dun láser.
· Apps accesíbeis. Presentarase talkAACtive, unha aplicación que busca axudar no marco laboral a persoas que padecen Trastorno de Espectro Autista.
· Bot de entretemento e acompañamento (BEA), un chatbot con empatía para acompañar a persoas maiores a través de noticias de interese que buscan mellorar o seu día a día.
· Aplicacións accesíbeis: Panoramix. Un novo método de detección precoz do alzhéimer a través dunha batería de xogos de sete áreas cognitivas.
· Se o vexo non o creo. Con este obradoiro demostrarase o funcionamento das ferramentas de análise forense de contidos multimedia, detectando manipulacións en fotos e vídeos imperceptíbeis para o ser humano.
· Biometría. Recoñecemento biométrico de persoas con énfase en aplicacións de Internet.
· Radar e xeolocalización para mellorar a loita contra os incendios forestais.
· Nanosatélites. Membros de AtlantTIC levan desde 2007 desenvolvendo nanosatélites baixo o estándar CubeSat, sendo responsábeis do lanzamento ao espazo en 2012 de Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español.
Ademais, como complemento a estes talleres as persoas interesadas poderán participar na visita guiada que se fará ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial; o laboratorio de medidas radioeléctricas, onde se realizan ensaios de medidas de antenas ou medidas de compatibilidade electromagnética, entre outros; e os laboratorios de acústica, onde se farán probas para experimentar de primeira man as diferentes posibilidades acústicas.

PUBLICIDADE