AtlantTIC impulsa unha tecnoloxía para o control do lavado de mans

xoves, 15 de outubro do 2020 Sonia Pena

O Centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, centrado na investigación e desenvolvemento de tecnoloxías intelixentes, puxo nesta pandemia boa parte do seu potencial ao servizo da loita mundial contra a COVID, argallando propostas e solucións para facerlle fronte. Froito deste traballo abrollaron contribucións como a que deu a coñecer este xoves a Universidade de Vigo e que vén da man dos investigadores Juan Manuel Santos Gago, Luis Álvarez Sabucedo e Mateo Ramos, do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos (GIST). Trátase dun proxecto para a unha ferramenta telemática con capacidade para asegurar que nos lavamos as mans (un dos máis importantes hábitos para combater o contaxio) da mellor maneira posíbel.
Na presentación da proposta, que coincide coa celebración este 15 de outubro do Día Mundial do Lavado de Mans, AtlantTIC puxo o foco no que sería o obxectivo concreto da iniciativa: dar forma a unha solución tecnolóxica que ofreza soporte á aprendizaxe do devandito procedemento hixiénico cotián atendendo ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Como explican os investigadores, o proxecto baséase nas técnicas do aprendizaxe a distancia (aprendizaxe autorregulada) e da Intelixencia Artificial para desenvolver unha aplicación para smartwatch ou móbil capaz de identificar cando o usuario realizou un lavado de mans correcto e efectivo, sempre en base aos datos que xera o propio dispositivo dixital.
O equipo de AtlantTIC lembra que se ben na actualidade existen dispositivos que permiten levar a conta dos lavados de mans ou apps para medir canto tempo se lle dedica a esta tarefa, a detección automática do lavado de mans é un campo “que aínda está nunha fase moi incipiente de desenvolvemento”. O proxecto dos investigadores de atlanTTic avanza neste camiño baseándose na recolección de datos que se xeran nos diferentes sensores que inclúen os reloxos intelixentes ou smartwatchs. Os datos recollidos transmítense despois ao móbil da persoa usuaria e alí serán procesados por un algoritmo de clasificación que determina cando se produce un lavado de mans, e se este atende ou non ás recomendacións da OMS.
Actualmente, a investigación atópanse na fase de desenvolvemento do algoritmo, na cal os usuarios “piloto” dispoñen dunha aplicación no seu smartwatch e outra no móbil para que “apunten” cando se lavan as mans, distinguindo dous tipos de procedemento: o lavado libre e o lavado normativo, que sería o recomendado pola OMS. Os datos que se xeran no reloxo e na app do móbil transmítense a un servidor analítico e serven como base para o adestramento de clasificadores fundamentados en técnicas de Machine Learning.

PUBLICIDADE