AtlantTIC sitúase entre os centros máis relevantes do mundo en materia de telecomunicacións

xoves, 28 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 119.6 KB
Carlos Mosquera, director do centro da Universidade de Vigo

O Centro AtlantTIC da Universidade de Vigo (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) vén de facer un balance da súa actividade en materia de transferencia tecnolóxica, captación de recursos, capacidade investigadora, equipo humano e desenvolvemento de proxectos. Os datos, achegados por Carlos Mosquera, director do centro, guindan tamén unha serie de claves sobre o presente do centro, o seu papel actual no panorama da investigación internacional: este ano, por vez primeira, situouse entre as 200 mellores institucións do mundo ámbito das telecomunicacións.
Amais, preto de 170 persoas, das que 40 son mulleres, desenvolven a súa actividade en AtlantTIC, que vén de acadar, por segundo ano consecutivo, un proxecto europeo sobre fotónica integrada para a formación de doutoras e doutores neste ámbito, “algo que no programa H2020 ocorre moi raramente”, aclara Mosquera.
No período 2016-2019 o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación acadou preto de 20 millóns de euros de financiamento e outorgáronselle unha decena de patentes. Amais, nestes catro anos fóronlle concedidos 50 proxectos competitivos de I+D+i, dos que neste intre hai 33 activos. “No caso concreto do H2020, comezáronse seis proxectos e hai cinco activos na actualidade”, detalla Carlos Mosquera, que sinala que os ingresos procedentes destes proxectos incrementáronse un 14% , fronte ao 5% do ano anterior.
Por outra banda, xeráronse un total de 349 artigos publicados nos últimos catro anos en revistas polas investigadoras e investigadores do centro, “cun impacto medido polo ránking de Shanghai en 2019 que nos sitúa de cuartos en España e Portugal”, engade o director, lembrando que segundo a Área de Servizos Bibliométricos da UVigo, tres dos seis artigos de maior impacto da institución na última década corresponden ao centro: un de Ramón Hermida do ámbito da saúde; outro de Rebeca Díaz e Ana Fernández sobre xogos na aprendizaxe e outro de Nuria González sobre 5G.
No período 2016-2019 un total de catro spin-offs naceron ao seu abeiro. En 2016 creábase da man de José Luis Alba Castro relEYEble centrada na tecnoloxía de análise facial para os sectores de publicidade, retail e seguridade. O ano seguinte vía a luz CAT&D de Ramón Hermida, que se ocupa do desenvolvemento de sistemas para a cuantificación individualizada de risco e identificación precoz de complicacións vasculares, renais e metabólicas. E xa este ano, púñanse en marcha Alén Space da man de Fernando Aguado, adicada a desenvolver solucións completas de pequenos satélites, á que cómpre engadir Ancora, promovida por Felipe Gil, para o desenvolvemento de ferramentas para o uso do teléfono móbil en contornas profesionais.
Respecto do futuro, o director destaca entre outras cousas o laboratorio de 5G, que servirá para potenciar e reforzar a capacidade de traballo nas tecnoloxías amparadas baixo esta etiqueta e, como detalla Mosquera, “está concibido como un laboratorio de investigación, que ao mesmo tempo pode dar soporte as colaboracións co tecido produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores de infraestruturas de telecomunicación”. O orzamento total do laboratorio é de 843.852€.

PUBLICIDADE