AtlánticaConf 2025 mostrará a potencia tecnolóxica de Galicia
venres, 6 de xuño do 2025
A AtlánticaConf 2025 regresa á Facultade de Informática da Coruña os días 13 e 14 de xuño. Esta será a terceira edición da conferencia tecnolóxica galega, tras o éxito da primeira en 2019 e unha segunda edición en 2023 que logrou reunir a máis de 400 participantes. Organizada por GPUL, en colaboración con AGASOL (Asociación Galega de Software Libre), a AtlánticaConf 2025 promete ser, segundo adiantan dende a organización, “un encontro único no que se mostrará a potencia tecnolóxica que se desenvolve en Galicia e as súas aplicacións prácticas”.
Engaden que durante dous días intensos, a AtlánticaConf 2025 ofrecerá “unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica galega”.
Contará con charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e obradoiros organizados por comunidades tecnolóxicas.
Amais, este ano recibíronse máis de 125 propostas, das cales aceptáronse máis de 50 relatorios que destacan pola súa calidade e contido. Participantes que traballan na industria tecnolóxica compartirán as súas experiencias e coñecementos en eidos como a Intelixencia Artificial, os sistemas distribuídos, o deseño e as aplicacións especializadas, así como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.
“A AtlánticaConf é o sitio no que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que che demostran que non é preciso marchar de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global”, destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego, engadindo que “temos a sorte de ter unhas charlas dun grande nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia; e por riba contamos con relatores de startups galegas referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Ikea, Google ou Cabify, un auténtico orgullo.”
A AtlánticaConf 2025 proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking. Así, as persoas asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nunha contorna estimulante e acolledora.