Augas de Ames estrea nova páxina web

xoves, 18 de setembro do 2025 S. P.

Na mañá deste xoves 18 de setembro presentouse a nova páxina web da EPEL Augas de Ames, un portal web creado para “dar un paso máis na transparencia e na proximidade coa veciñanza”. O principal obxectivo é que sexa un espazo no que os/as abonados/as poidan facer todos os trámites necesarios de forma dixital e sen desprazarse ás oficinas de dita entidade. O seu mantemento é realizado polo propio persoal da EPEL, o que asegura unha actualización constante e información sempre ao día.
A Entidade Pública Empresarial Augas de Ames (EPEL) presentou a páxina baixo lema O servizo municipal de augas, agora máis preto de ti. A cita foi no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. A entidade informou que estamos ante “unha nova ferramenta que ofrece un servizo máis transparente, accesible e áxil para todos os usuarios e usuarias. Dita web está financiada pola Unión Europea (fondos Next Generation EU), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
No acto de presentación participaron o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames; Gustavo Nieto; a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames; Genma Otero; así como Carlos Nogueira, asistencia técnica informática da EPEL Augas de Ames, e Verónica Castro, Begoña Gómez e Ricardo Tosar, persoal de Augas de Ames.
Blas García destacou que “levamos un ano e medio de funcionamento da empresa publica Augas de Ames e como dixemos dende o primeiro día, estamos indo paso a paso tratando de mellorar tanto o funcionamento interno coma externo da empresa, e a comunicación cos usuarios/as. Deste xeito, puxemos en marcha unha nova oficina no Milladoiro e agora damos un paso máis coa creación desta nova páxina web, que achega o servizo municipal de augas aos abonados e abonadas. Isto permite ter unha ferramenta para poder contactar e facer trámites con Augas de Ames de xeito rápido e áxil. Vainos permitir aos usuarios poder acceder aos nosos recibos, aos avisos, contacto da empresa, etc. que permite ser máis transparentes e máis áxiles á hora de poder estar en contacto cos abonados e abonadas”.
A xerente da EPEL Augas de Ames, Genma Otero, mostrouse moi satisfeita co resultado da nova páxina web de Augas de Ames. “Agardamos que para os abonados e abonadas deste servizo sexa unha páxina accesible. Trátase dunha ferramenta sinxela, moi visual, inclusiva e que ofrece a posibilidade de facer practicamente todos os trámites de xeito telemático. Tamén estamos impulsando a aposta pola factura electrónica. Cremos que a factura en papel ten que ir desaparecendo pouco a pouco, e por iso na nova web indicamos que hai que ser responsables co medio ambiente e optar pola factura electrónica para evitar o envío masivo de facturas en papel”.