Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

luns, 18 de marzo do 2024 S. P.

Conscientes da necesidade de contrarrestar as desigualdades no ámbito tecnolóxico, a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo) puxeron en marcha diversas iniciativas para pór de relevo a existencia dunha fenda de xénero en diferentes ámbitos educativos e profesionais, e tamén medidas para reducilas ou palialas. Algunhas destas iniciativas, as que se focalizan no ámbito TIC, canalízanse a través da Cátedra Interuniversitaria Aldaba-WIB (Women, ICT & Business), que ambas universidades constituíron en 2019 coa empresa tecnolóxica Aldaba.
O obxectivo é “potenciar e enriquecer o progreso das TIC” e facelo promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
No marco das iniciativas para reducir a fenda de xénero no ámbito TIC, a Cátedra puxo a disposición da sociedade BBG-TIC (Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC), unha ferramenta web gratuíta que reflicte graficamente (e permite consultar filtrando por diferentes criterios e ámbitos temporais) a evolución da baixa representación feminina nos estudos de enxeñaría TIC, en comparación co resto dos estudos.
Un recurso en constante evolución
Segundo indican a UDC e a UVigo, BBG-TIC está en constante evolución, incorporando os novos datos de matriculación, resultados académicos, etc., que publican as administracións públicas educativas, e permite avaliar se as medidas que desde os diferentes estamentos da sociedade están a levarse a cabo para reducir a fenda están a ter éxito ou non. Os resultados máis recentes que amosa o BBG-TIC revelan “un aumento significativo na matriculación de mulleres no Grao de Enxeñaría Informática para o curso 2023/2024, amosando unha tendencia positiva nos últimos cursos, tanto na UDC como na UVigo, a excepción do curso 2022/2023”.
A matriculación feminina no Grao de Enxeñaría Informática da UDC, desde a súa creación no curso 2010/2011 ata o curso 2020/2021, mantívose en cifras entre o 8% e o 13%. Do 9% de matriculación feminina no curso 2020/2021 pasouse ao 16% no curso 2021/2022 e ao 18% no curso 2023/2024, duplicando os rexistros. No Grao de Enxeñaría Informática da UVigo os datos mostran unha tendencia similar, aínda que cun crecemento menos pronunciado, dun 13% de matriculación feminina no curso 2020/2021 pasouse a un 19% de matriculación no último curso. E, en ambas as universidades, os números alcanzan o 23% e 21%, respectivamente, se incluímos as alumnas matriculadas nos Graos de Ciencia e Enxeñaría de Datos e de Intelixencia Artificial.
“Estes datos”, indican as dúas universidades galegas, “poden reflectir un cambio positivo na dinámica de xénero no ámbito tecnolóxico e unha maior apertura cara á participación feminina nun eido historicamente dominado polo sector masculino; e tamén reflicten o éxito dos esforzos combinados polas diferentes institucións e a comunidade educativa para superar barreiras de xénero e crear un ambiente inclusivo que fomente a diversidade no ámbito tecnolóxico”.

PUBLICIDADE