Autocontrol obriga a Telefónica a deixar de anunciar que Movistar é «a rede máis segura»

martes, 23 de xuño do 2026 Redacción

O Xurado de Autocontrol estimou parcialmente unha reclamación presentada por Orange contra unha campaña publicitaria de Telefónica difundida en televisión, Internet, correo electrónico, radio, redes sociais, prensa e publicidade exterior. A resolución, ditada o 6 de maio de 2026 e posteriormente confirmada en segunda instancia o 29 de maio, conclúe que a expresión «A rede máis segura» vulnera o principio de veracidade do Código de Conduta Publicitaria de Autocontrol.
A disputa centrouse en dúas mensaxes empregadas na campaña: «190 millóns de chamadas fraudulentas bloqueadas aos nosos clientes» e «A rede máis segura». Orange sostivo que ambas as afirmacións resultaban enganosas e que a segunda constituía ademais publicidade comparativa e denigrante fronte aos competidores.
O Xurado rexeitou os argumentos de Orange respecto da cifra de chamadas bloqueadas. Tras analizar a documentación achegada por Telefónica, considerou acreditado que o dato dos 190 millóns de chamadas fraudulentas bloqueadas contaba cun soporte suficiente baseado nos informes remitidos á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais ao abeiro da Orde TDF/149/2025. Tamén descartou que a mensaxe levase os consumidores a pensar que Telefónica era o único operador que realiza este tipo de bloqueos ou que precisase unha contextualización adicional sobre fontes, período temporal ou metodoloxía.
A resolución sinala que o bloqueo de chamadas fraudulentas é unha obriga regulatoria para os operadores, pero considera que a publicidade non presentaba esa actividade como unha característica exclusiva de Telefónica, senón que destacaba o volume de bloqueos acadado.
Distinta foi a conclusión sobre a expresión «A rede máis segura». O Xurado determinou que non constitúe publicidade comparativa porque non identifica de maneira expresa nin implícita ningún competidor concreto. Tamén descartou que se tratase de publicidade denigrante ou que vulnerase as normas relativas á difusión de ensaios comparativos ou ao uso de signos distintivos doutros anunciantes.
Porén, entendeu que a mensaxe transmite ao consumidor medio unha posición de superioridade absoluta respecto de todas as demais redes do mercado. Segundo a resolución, a seguridade dunha rede de telecomunicacións abrangue numerosos factores, como a estabilidade da infraestrutura, a protección fronte a ameazas ou a integridade do servizo, e non só a capacidade para bloquear chamadas fraudulentas.
O Xurado considera que Telefónica non achegou probas dabondo para demostrar que a súa rede sexa a máis segura en termos xerais e absolutos. Por este motivo declarou que a alegación incumpre a norma 14 do Código de Autocontrol, relativa á veracidade da publicidade.
A resolución ordenou a rectificación da campaña para cesar no uso da expresión cuestionada e estableceu que Orange e Telefónica asuman a medias os custos derivados da tramitación do procedemento. Telefónica recorreu a decisión ante o Pleno de Autocontrol, que desestimou o recurso e confirmou integramente o criterio da primeira instancia.
Cómpre lembrar que Orange xa puxera en funcionamento medidas contras as chamadas inoportunas o ano pasado, aínda que esas funcionalidades non foron tan amplamente publicitadas como as de Movistar.

Vídeo promocional da Movistar no que dan conta do sistema contra as chamadas de spam