Automatización facilitou a tramitación das axudas a sectores afectados pola COVID-19

luns, 7 de xuño do 2021 Redacción

O sistema de automatización intelixente desenvolvido pola Xunta para a tramitación do II Plan de rescate aos sectores afectados polas medidas sanitarias como consecuencia da COVID-19 permitiu que máis do 90% das axudas concedidas se puidesen pagar nun prazo inferior a dous meses.
Esta ferramenta, que funciona con tecnoloxías emerxentes, como a robótica ou o recoñecemento óptico de caracteres (OCR), foi desenvolvida pola AMTEGA e aplicada pola Consellería de Emprego e Igualdade para axilizar a tramitación dos expedientes e o pago das axudas.
O obxectivo da Xunta foi o de resolver os trámites no menor tempo posible sen que isto puidese afectar ao rigor administrativo e xurídico dos procedementos.
O sistema foi utilizado para a concesión das axudas do II Plan de Rescate, que benefician a traballadores autónomos, microempresas, hostalaría e outras actividades pechadas, e será utilizada para a xestión das axudas no III Plan de Rescate aprobado polo Consello da Xunta do pasado xoves. Co terceiro Plan, a Xunta levará activados en seis meses máis de 416 millóns de euros.
En concreto, leva investidos 182 millóns de euros entre o primeiro e o segundo plan de rescate. O primeiro programa de apoios económicos directos, publicado no pasado mes de decembro, sumou 86 millóns de euros e permitiu atender un total de 33.600 solicitudes de axuda presentadas por autónomos e microempresas, que xa están pagadas na súa totalidade.
O segundo plan de rescate, publicado en marzo, ascendeu inicialmente a 75 millóns de euros, pero incrementouse o orzamento no mes de maio en 21 millóns, ata chegar aos 96, para poder atender á maior parte das solicitudes presentadas. Nestes momentos xa están abonadas un total de 32.771 solicitudes do segundo plan de rescate, que suman 87,2 millóns de euros, é dicir, o 91% do orzamento reservado para este programa, grazas ás ferramentas aplicadas pola AMTEGA.
Entre as tecnoloxías empregadas pola Xunta para as tramitacións atópase a automatización robótica de procesos (RPA), que foi a que permitiu a comprobación da vida laboral das empresas en cerca de 6.000 solicitudes. En concreto, os robot xeraron os ficheiros de consulta necesarios para que o persoal da Consellería de Emprego e Igualdade puidese realizar a petición de información con todas as garantías. En prazos de entre 24 e 48 horas, esta información foi remitida para o seu procesamento, tamén mediante robots que analizaron os ficheiros, realizaron as comprobacións e fixeron os cálculos.
O sistema de recoñecemento óptico de caracteres (OCR) foi usado para a comprobación dos descensos de facturación das empresas a partir das liquidacións de IVE dos últimos períodos. O servicio OCR permitiu analizar máis de 23.000 expedientes e procesar cerca de 900.000 páxinas.
Por outra banda, o sistema desenvolvido tamén incluíu a automatización da consulta de débedas coa Xunta de Galicia e outras melloras, como a da xestión dos pagos na plataforma de contratación da Xunta de Galicia (Xumco). Esta tecnoloxía permitirá avanzar na calidade dos servizos da administración electrónica en todo tipo de trámites.

PUBLICIDADE