Autoxuga Móbil lanza unha app que axuda á rendibilidade das empresas

venres, 27 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Autoxuga Móbil, empresa de Taragoña (Rianxo) centrada no subministro de servizos innovadores e tecnoloxías para o ámbito do motor e do mantemento do automóbil, rematou o verán con novidades importantes no seu catálogo de solucións eficaces. Segundo nos conta Pablo Castro, co-propietario de Autoxuga (conxuntamente con catro socios máis) e apoderado da empresa, a novidade do catálogo é unha aplicación que facilita o traballo do empresario en relación co equipo profesional da súa empresa.
“Xa que existe a obrigatoriedade de que os empregados fichen entradas e saídas, en Autoxuga imos moito máis alá disto e creamos unha aplicación para que o empresario coñeza con precisión a repercusión da fichaxe dos traballadores”, explican dende Autoxuga, engadindo que a app en cuestión (Autoxuga Control Horario) xa está habilitada e dispoñíbel na Rede, na súa versión para empresarios, por unha banda, e empregados, pola outra.
A aplicación funciona da seguinte maneira dependendo de quen sexa, nun equipo de traballo, o que lle tire proveito:
· Para administradores. Xestiona a as bases de datos e encárgase de crear as empresas. Pode ser Autoxuga ou unha empresa que dispoña de dominio web en Linux ou Windows, con base de datos SQL e execución de aplicacións PHP.
· Para empresas. As empresas terán que encher unha soa vez os datos dos empregados e horarios da empresa, supervisando as fichaxes realizadas e, “desta maneira sinxela, a aplicación mostraralles a produtividade e a rendibilidade de cada empregado e a global da empresa por enteiro”, sinalan dende Autoxuga.
· Para os empregados. Somentes ficha entradas e saídas, podendo indicar cando un traballador inicia unha xeira laboral e cando a remata, e “se desexa coñecer a súa eficacia tería que apuntar a súa facturación diaria”.

PUBLICIDADE