Avaaz supera a barreira dos 15 millóns de internautas-activistas
luns, 23 de xullo do 2012
A comunidade Avaaz, unha asociación de
activistas de todo o mundo que tira proveito da Rede para ser máis, chegar máis
lonxe e apuntar mellor, está este luns 23 de xullo de celebración. O motivo: ter superado
a liña dos 15 millóns de membros, o que a sitúa, por dereito propio, como o
movemento político en liña máis grande da historia. A cifra, sinalan dende
Avaaz, desminte (por unha vez) a crenza de que o tamaño non importa, xa que,
polo menos neste caso concreto, si que o fai. De outro xeito, non se poderían
ter acadado cousas como as que se acadaron: deter a aprobación do ACTA (o tratado
global para permitir que as grandes corporacións censuren a Internet) ou a
protección da selva brasileira (que estivo a piques de caer nas mans das madeireiras).
“Nos últimos
seis meses”, sinalan os responsables desta plataforma, “loitamos e axudamos a gañar batallas clave
para salvar Internet ou crear a meirande reserva mariña do mundo, ou tamén para
manter a presión sobre a mafia mediática de Rupert Murdoch, ao tempo que se facía
o posible por impulsar a transición democrática de Siria, entre outros moitos
exemplos”.
Todo isto é o resultado da aplicación do
potencial convocador das redes sociais ao servizo das causas solidarias
mundiais. Peticións en liña, chamadas, mensaxes ou doazóns foron algunhas das
ferramentas empregadas, “en combinación
co esforzo de aliados estratéxicos e líderes, e do devandito emprego de
potentes canles de transmisión cara aos medios e cara a quen toma as decisións”.
Entre os logros recentes de Avaaz, cómpre salientar a paralización do devandito
ACTA, o tratado global contra o que xuntaron forzas ata 2,8 millóns de
activistas da dita comunidade internacional.
