Avansig avanza no desenvolvemento do seu sistema de xestión forestal baseado en IA
venres, 3 de outubro do 2025
A compañía galega Avansig avanza no desenvolvemento do seu sistema de xestión forestal baseado en Intelixencia Artificial que permitiría predicir o crecemento de árbores e reducir riscos en infraestruturas críticas mediante a análise de imaxes satelitais, datos LiDAR e drons.
Avansig anunciaba hai uns meses ser beneficiario do programa IA360 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea NextGeneration EU, para poñer en marcha un sistema de xestión de coberturas vexetais e masas arbóreas baseado en Intelixencia Artificial. Tras un verán marcado polos demoledores incendios que arrasaron boa parte da Península, o proxecto cobra unha relevancia aínda maior, segundo confirmou o Clúster TIC Galicia, do que forma parte Avansig.
A agrupación engade que este sistema combina información do satélite Sentinel-2, ortofotografías do PNOA, mapas de cobertura de chan e datos LiDAR recolleitos en Galicia durante a última década. Grazas a estes datos, desenvolvéronse modelos capaces de detectar especies como eucaliptos, coníferas e frondosas, predicir o seu crecemento e xerar mapas automáticos que mostran como evoluciona a vexetación.
Ao abeiro deste proxecto Avansig ten o obxectivo de “dotar ás administracións públicas e a xestores forestais de ferramentas que permitan actuar de maneira preventiva, anticipándose a riscos como incendios, a deterioración de montes, a invasión de vexetación na estrada ou tendidos eléctricos, e asegurando unha xestión sostible e segura dos espazos naturais e infraestruturas críticas”.
Explican que o sistema IA360 non só identifica e clasifica masas arbóreas con precisión senón que tamén ofrece indicadores clave como NVDI (Índice de Vexetación de Diferenza Normalizada) ou SAVI (Índice de Vexetación Axustado ao Solo), métricas que permiten medir a saúde da vexetación e prever comportamentos críticos en condicións extremas.
Ademais, a firma Applus+ colabora neste proxecto achegando a súa experiencia en casos de uso orientados a avaliar e predicir o crecemento das masas arbóreas na contorna de infraestruturas críticas, á vez que xera información de gran valor grazas ao uso da ferramenta Traza+ para a xestión de activos de maneira automatizada. O obxectivo é “anticipar e previr a proliferación de vexetación non desexada tanto en parques eólicos como en liñas eléctricas, contribuíndo así a mellorar a operatividade, reducir o risco de incendio, favorecer o equilibrio ambiental e garantir unha xestión sostible de infraestruturas vinculadas ao transporte e a distribución de enerxía”.
Para o Clúster TIC Galicia, Avansig demostra con esta iniciativa “como a innovación tecnolóxica aplicada á xestión forestal pode converterse nunha peza clave na loita contra os incendios e na protección dun patrimonio natural que é de todos”.
