Avanza a bo ritmo o proceso para materializar a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
venres, 2 de maio do 2025
O Edificio de Ferro (Campus de Ourense, UVigo) acolleu esta semana a celebración dunha nova sesión ordinaria do Consello de Campus. Nela, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, explicou aos representantes dos diferentes colectivos universitarios as novidades en diferentes eidos de actuación, entre eles os avances para a próxima construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O reitor destacou que o procedemento da súa licitación “vai moi ben, a bo ritmo”, indicando que son cinco as empresas que se presentaron.
Concretamente, a licitación para a construción deste edificio publicouse o 13 de marzo, pechouse o prazo para a presentación de propostas o 11 de abril e actualmente estase na fase da súa avaliación. As empresas que se presentaron foron Citanias Obras y Servicios SLU; Obras y Servicios Gómez Crespo SL; Obrascon Huarte Lain SA; Oreco Balgón SA e Vilor Infraestruturas SL.
O importe do contrato ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, sendo o valor estimado do contrato e o importe sen impostos de 9.130.000,01 euros, financiados pola Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia.
Manuel Reigosa indicou que “estamos pondo todo o noso empeño para que se faga en prazo todo o proceso da licitación” e “contamos con que dentro deste ano 2025 poidamos xustificar 3,5 millóns de euros da construción do edificio, en parte con acopios pero en parte xa con actuacións no campus”.
O edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificábel situada na entrada do coñecido como campus sur do Campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. A licitación en trámite é para converter en realidade o deseño gañador do certame de ideas para o edificio que fixo a UVigo. O concurso foi gañado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, cunha proposta bautizada como “O Camaleón”. Tras gañar o concurso de ideas, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra.
O novo edificio, duns 6364,88 metros cadrados construídos, contará con dez laboratorios docentes e oito laboratorios de investigación; catro aulas para 50 persoas, dúas aulas para 70 e outras dúas para 100 persoas; 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios, unha nave taller e un espazo de reserva para posíbeis futuras necesidades. A posta en marcha desta nova infraestrutura permitirá liberar espazos que noutros edificios se dedican actualmente a Aeroespacial e levar a cabo un reordenamento de usos do campus.