Avanza a lexislación para a protección dos menores no contorno dixital

martes, 25 de marzo do 2025 Redacción

O Consello de Ministros acordou remitir ao Congreso dos Deputados o proxecto de Lei Orgánica para a protección dos menores de idade nos contornos dixitais, que inclúe control paterno de balde. O proxecto prevé a reforma do Código Penal para penalizar tanto os deepfakes de contido sexual, como o grooming (o engano a unha persoa menor utilizando unha identidade ficticia, sobre todo en termos de idade), que será un agravante para certos delitos sexuais. Incorpórase tamén a pena de prohibición de acceso ou de comunicación nos contornos dixitais, o que evitará, en gran medida, tanto a revitimización como a reincidencia.

Contornos dixitais seguros

A norma recoñece os dereitos dos menores a seren protexidos eficazmente ante contidos dixitais que poidan prexudicar o seu desenvolvemento, á información veraz e a recibir información suficiente e necesaria nunha forma e linguaxe apropiada segundo a idade sobre o uso das tecnoloxías e os riscos asociados. Tamén garante o acceso equitativo e efectivo a dispositivos, conexión e formación para o uso de ferramentas dixitais. Neste sentido, inclúe obrigas para os fabricantes, como a incorporación de sistemas de control paterno accesibles e gratuítos, activados de xeito predeterminado, nos dispositivos dixitais. Ademais, prohibe con carácter xeral o acceso dos menores ás caixas de botín nos videoxogos.
No ámbito educativo, recolle iniciativas para fomentar as competencias dixitais e o uso responsable das tecnoloxías e prevé que os centros educativos conten cunha regulación expresa sobre o uso de dispositivos móbiles e dixitais na aula, así como no resto de actividades e instalacións escolares. No ámbito sanitario, a Lei obriga as administracións competentes, por exemplo, a elaborar guías e programas de prevención e promoción da saúde ou a desenvolver protocolos de atención específicos ante comportamentos aditivos cara á tecnoloxía.
A norma tamén impón obrigas a todos os poderes públicos para promover o acceso libre e igualitario ao mundo dixital e a elaboración dunha Estratexia Nacional sobre a protección da infancia e da adolescencia no contorno dixital, a cargo do Ministerio de Mocidade e Infancia. Por último, afonda na protección ante calquera tipo de violencia de xénero ou sexual no ámbito dixital, recoñecendo a condición de vítima e, polo tanto, os seus dereitos e o acceso pleno aos servizos de información e orientación, de acollida e asistencia psicolóxica, social e xurídica.

Reformas lexislativas e obrigas para influentes

A todo isto súmase a reforma da Lei de Protección de Datos Persoais para aumentar a idade de consentimento para o tratamento destes datos, pasando dos 14 aos 16 anos; e a reforma da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual para impoñer obrigas aos grandes operadores da comunicación e aos influentes, como a utilización de sistemas de verificación de idade, a separación de contidos que poidan incluír escenas de pornografía ou violencia gratuíta, ou o establecemento de ligazóns a canles de denuncia.
Ademais das modificacións que se incorporan ao Código Penal, reformarase a Lei Orgánica do Poder Xudicial e a Lei da Xurisdición Contencioso-administrativa para permitir a intervención xudicial na execución da medida de interrupción dun servizo dixital que ofreza un acceso ilimitado a contido prexudicial para as persoas menores, ou a retirada de dito contido.