Avanza a sede electrónica xudicial coa posibilidade de descargar vistas para avogados e procuradores

luns, 19 de agosto do 2019 Redacción

O Plan Senda para avanzar nun ámbito xudicial galego plenamente dixital, vén de dar este verán un novo paso no seu proceso de continuo desenvolvemento. Segundo informou a axencia AMTEGA, impulsora do plan, avogados e procuradores poderán descargar as gravacións das vistas das que son parte a través da sede electrónica xudicial. Esta nova funcionalidade da sede vense probando dende a primavera en xulgados de Lugo e Pontevedra. Agora resta habilitar o servizo para o resto dos xulgados da nosa terra, “de maneira progresiva”, a partir de setembro.
A posta en marcha deste novo servizo dixital, que estará limitado aos profesionais que interveñen neses procedementos (a descarga faise con certificados dixitais compatíbeis coa sede electrónica xudicial e cun sistema de códigos específico), busca ceibar aos profesionais de teren que acudir de maneira presencial ao xulgado para recoller a gravación nun soporte físico. Segundo informa AMTEGA, nos primeiros seis meses do ano realizáronse preto de 46.000 gravacións de vistas nos xulgados galegos.
Como lembraremos, a sede electrónica xudicial entrou en funcionamento a finais de 2016, sendo o seu obxectivo “consolidarse como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos en liña do ámbito xudicial”. Unha das últimas funcionalidades habilitadas foi a presentación dos procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. “No que levamos de ano, xa se presentaron preto de 800 escritos en liña”, engade AMTEGA, lembrando que a través de sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”. Na sede tamén se pode comprobar a autenticidade e integridade de documentos electrónicos emitidos pola Administración de Xustiza en Galicia ou dar de alta un aproderamento de xeito electrónico.

PUBLICIDADE