Avanza en Silleda o proxecto Fire-FS para detectar, mapear e predicir lumes

venres, 16 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

En febreiro do ano pasado soubemos dun proxecto da Universidade de Vigo directamente encamiñado a loitar contra os lumes forestais botando man das máis avanzadas tecnoloxías da comunicación, da robótica, a enxeñaría industrial e a análise de información, incluídos drons, un satélite específico (o Cubesat LUME 1) e sensores infravermellos e outros recursos. Estamos a falar do proxecto Fire-RS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System), coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo. Agora, a iniciativa está a subir un novo chanzo co lanzamento inminente do devandito picosatélite, o LUME 1. Con este aparello, que se guindará ao espazo dentro dun mes, Fire-RS segue a completar fases cruciais para a súa materialización definitiva.
Sen ir máis lonxe, este venres realizouse en Silleda, ao abeiro do proxecto, un simulacro de incendio para comprobar a efectividade dos sistemas xa acadados, poñendo o foco nos sensores infravermellos de terra que permiten a detección remota e temperá do lume e que cando o sistema estea completo enviarán datos en tempo real ao picosatélite. Desta volta, a información foi subministrada directamente ao camión do posto de mando móbil da Axencia Galega de Emerxencias. Segundo informou Pablo Izquierdo, investigador da Área de Enxeñaría Mecánica e membro do grupo CIMA, a proba de hoxe saldouse con éxito: “Colocamos os sensores nunha torre de vixilancia e detectaron perfectamente os focos de lume, transmitindo a información para poder proceder á súa extinción”.
Segundo explicou, no intre en que o proxecto chegue ás estadas superiores de desenvolvemento, fará posíbel a detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais mediante a combinación do uso de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite cubesat (LUME 1); unha flota de vehículos non tripulados (UAV), un centro de control e un software de modelado e predición de incendios.
Como dixemos, o FireRS (WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System) é un proxecto europeo coordinado dende Vigo pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA no que participan tamén a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulouse. O proxecto ten un orzamento de dous millóns de euros e o seu obxectivo é “crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia”.
Para o devandito estase a pór en marcha un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais. Deste xeito, o Fire-RS xera e comparte cos medios de control información sobre a extensión, focos e perímetro do incendio, parámetros meteorolóxicos, posición GPS, perigos próximos, mapas cartográficos de vexetación, mapas dixitais de elevación do terreo e imaxes en tempo real. O obxectivo do proxecto é que grazas a estes datos “poidan realizarse en tempo real unha avaliación e predición do comportamento do lume, co fin de trasladar toda a información xerada ás centrais de coordinación e servizos de emerxencia competentes, para acadar maiores estándares de eficacia e eficiencia no uso dos recursos públicos encargados de xestionar a emerxencia”.
Na xornada de probas de Silleda estiveron implicados, ademais do persoal investigador da Universidade de Vigo, o Consorcio Bombeiros do Deza e Tabeirós, Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Lalín, a Garda Civil de Silleda e o Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (GALI) da AXEGA. O conato de incendio comezou ás 12.00 horas nunha contorna forestal próxima a vivendas e foi detectado axiña polo subsistema de sensores infravermellos en terra da plataforma tecnolóxica Fire-RS, desencadeando así o funcionamento previsto da ferramenta. Toda a información xerada polo FireRS foi trasladada ao CIAE112-Galicia, que á súa vez informou aos diferentes servizos de emerxencias con competencias na contorna. Logo, coa arribada dos efectivos, comunicouse ao 112 que a información preliminar era correcta e realizouse o control, estabilización e extinción do lume.

PUBLICIDADE