Avatel ofrece oito ferramentas para a transformación das pemes do rural a través do Kit Dixital

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

A operadora de telecomunicacións Avatel, un dos referentes estatais de cobertura no rural, vén de confirmar que obtivo a cualificación de axente dixitalizador, o que lle está permitindo axudar a implantar o Kit Dixital ás empresas das pequenas e medianas poboacións. A compañía, cuxo equipo de dirección é da nosa terra, ofrece oito das ferramentas contempladas no Kit Dixital organizadas en tres grandes bloques.
En concreto, na área de mercadotecnia online inclúense a creación de sitios web, comercio electrónico e a xestión de redes sociais. No apartado de solucións de xestión e administración de empresas contémplanse sistemas para a xestión de clientes e/ou provedores, servizos de oficina virtual e de factura electrónica. E por último, na área de seguridade, ciberseguridade e recursos para garantir comunicacións seguras.
O director de Avatel Empresas, Alejandro Lozano, sinalou que “mantemos o espírito do operador local e estamos orgullosos de apoiar a diario ás empresas das pequenas e medianas poboacións facilitándolles conectividade e servizos avanzados”. Na súa opinión, o Kit Dixital fará posíbel un novo salto na transformación dixital das pemes e das persoas autónomas, impulsando o tecido produtivo destas poboacións. Neste sentido, sinalou que “fóra das grandes urbes, en zonas costeiras e de interior, as empresas tamén queren continuar crecendo. Para elas, as ferramentas e servizos que se financian co bono dixital van supor un gran apoio para incrementar a súa produtividade ou a súa capacidade de comercialización. Os empresarios terannos ao seu lado como sempre”.
Primeira convocatoria
Esta primeira convocatoria do Kit Dixital diríxese a pemes de entre 10 e 49 traballadores, que poderán acceder a un bono dixital de até 12.000 euros para potenciar as súas capacidades dixitais. Posteriormente abriranse outras para o rango de entre 3 e 9 traballadores e para autónomos ou empresas con entre 1 e 2 traballadores.
O Kit Dixital, para quen non o saiba, é unha iniciativa do Goberno de España, impulsada dende a entidade Red.es, que ten como obxectivo subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñíbeis no mercado para acadar un avance significativo no nivel de madurez dixital.
Avatel achegará a súa experiencia na xestión de subvencións e acompañará ás pemes ao longo de todo o proceso. Así, ofreceralles asesoramento na elección dos instrumentos a implantar unha vez obteñan o diagnóstico ao que deben someterse na plataforma de Acelera Peme. Ademais, co fin de facilitarlles a tramitación encargarase de presentar a solicitude en nome da empresa, exercendo como representante voluntario.
A operadora sinala que xa formou á súa capa comercial na xestión deste incentivo, de forma que as empresas tan só terán que contactar co seu xestor habitual.
Unha vez tramitado o bono dixital para as solucións elixidas, facilitará a súa implantación.

PUBLICIDADE