Axuda en Acción ofrece á mocidade de Santa Comba formación nas máis avanzadas ferramentas TIC
martes, 12 de xaneiro do 2021
A
organización
solidaria Axuda en Acción vai organizar un laboratorio de
oportunidades e formación tecnolóxica avanzada no concello se Santa
Comba, en colaboración co Goberno local. Trátase da iniciativa
XallasL@b, que ten o obxectivo de ofrecer á xente nova unha
oportunidade de mellorar a súa aprendizaxe, espertar vocacións
investigadoras e tecnólogas e, en última instancia, mellorar
currículos. Outro dos obxectivos é “reducir a fenda dixital e
previr o abandono prematuro do sistema educativo de adolescentes en
situación de vulnerabilidade social”.
Achegarase
formación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación
(TIC) a mozas e mozos locais, orientación educativa, fomento de
vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas,
polas súas siglas en inglés) e oportunidades para a integración
socio-tecnolóxica.
Os
labs de experimentación e ensino de Axuda en Acción serán
espazos alternativos e gratuítos de aprendizaxe que se crearán nun espazo
municipal, o Edificio Multiusos de Santa Comba, e irán destinados a
estudantes de entre 12 e 19 anos.
Os
obradoiros incluirán un completo equipamento (computadores
portátiles, impresora 3D, cámara de vídeo, kits de robótica, etc)
e servirán para fomentar o ensino en novas ferramentas, deseño e
impresión 3D, programación web ou robótica.
As
actividades desenvolveranse a partir do 3 de febreiro, de mércores a
venres polas tardes, en horario de 17.30 a 19.00 horas.
Para
máis información cómpre solicitala a través dos teléfonos 981
104 309 e 672 340 327 ou do correo electrónico
informacion.galicia@ayudaenaccion.org. O prazo de inscrición estará
até o 20 de xaneiro.