Ayaneo lanza unha nova consola inspirada na Game Boy Micro
luns, 29 de xuño do 2026
Hai un par de anos o fabricante chinés Ayaneo rendeu homenaxe á clásica Game Boy Micro coa Ayaneo Pocket Micro, consola portátil orientada ao emuladores de consolas de videoxogos que, aínda que era capaz de correr xogos de PlayStation 2 dada a súa potencia, estaba máis enfocado a xogos de máquinas como a Game Boy Advance.
A máquina debeu de ter unha boa recepción, porque veñen de darlle unha volta e lanzar a Ayaneo Pocket Micro 2, en tres cores e configuracións con 6/8 GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento con prezos de lanzamento que van dende 239 dólares (209 euros) ata 309 dólares (270 euros).
A Ayaneo Pocket Micro 2 está equipada cunha pantalla IPS de 3,5 polgadas cunha resolución de 960 x 640 píxeles (relación de aspecto 3:2, pensada en multiplicar por 4 a resolución da Game Boy Advance); funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 que incrementaría nun 220% a potencia para xogos que a consola anterior; e a súa batería de 3.950 mAh tamén supón unha capacidade un 52% superior para achegar sesións de xogo máis prolongadas. A nova consola tamén ofrece mandos e botóns dun tamaño maior mantendo a súa esencia retro. Conta con conectividade Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1, USB-C 3.1 e incluso toma para auriculares e lector de tarxetas microSD. Todo iso nuns 248 gramos, converténdose nunha magnífica opción para quen quere gozar de xogos clásicos nun formato moi compacto.

- A nova consola de Ayaneo conta cun deseño sumamente compacto
Vídeo promocional da Ayaneo Pocket Micro 2
