Ayaneo presenta unha consola portátil con pantalla de 9 polgadas

luns, 1 de decembro do 2025 Redacción

O fabricante chinés Ayaneo vén de anunciar oficialmente o seu novo buque insignia no segmento das consolas portátiles con Windows (ou ordenadores consolizados), a Ayaneo Next II, que chega como unha aposta decidida por redefinir a experiencia de xogo portátil.
A Next II mantén a linguaxe estética exploratoria da marca, cun corpo de liñas limpas e agarres de gran tamaño que buscan ofrecer estabilidade e comodidade ante un uso prolongado. A pantalla é o seu grande reclamo: un panel OLED de 9,06 polgadas en formato apaisado, con resolución de 2400 x1504 píxeles, brillo máximo de 1100 nits e taxas de refresco variables entre 60 Hz e 165 Hz.
No corazón da máquina atópase o novo procesador Ryzen AI Max+ 395, baseado na arquitectura Zen 5 Strix halo e acompañado dunha GPU integrada RDNA 3.5 Radeon 8060s. O dispositivo pode acadar un TDP de ata 85 watts, algo pouco habitual nunha consola portátil. Para manter esa potencia, integra un sistema de dobre ventilador e aletas de alta eficiencia.
A batería interna alcanza os 115 Wh, unha cifra que supera con moito a media do sector. Nos controis, Ayaneo aposta por tecnoloxías xa coñecidas nos seus modelos anteriores, como os joysticks e gatillos hall, agora mellorados, ademais dunha cruceta flotante de oito direccións e un sistema de bloqueo dual nos gatillos. Engádense tamén catro botóns traseiros ergonómicos, teclas configurables e dous touchpads TouchTAPMagic.
O apartado sensorial complétase cun motor háptico de levitación magnética, capaz de ofrecer vibracións lineais e rotatorias, e uns novos altofalantes estéreo frontais. A nivel de software, a consola integra Ayaspace, o ecosistema propio da marca que permite xestionar rendemento, ventiladores, macros e incluso un motor de conxelación de tarefas para optimizar recursos.
Polo momento non se coñece nin a data nin o prezo de lanzamento deste dispositivo, pero o que resulta evidente é que os ordenadores consolizados están a avanzar por unha senda na que deixan de ser equipos portátiles e están enfocados simplemente a un uso libre de ataduras dentro do fogar.