Ayaneo recupera o concepto do Sony Xperia Play

xoves, 11 de decembro do 2025 Marcus Fernández

En 2011 Sony poñía no mercado o teléfono Xperia Play, cun curioso formato que permitía convertelo nunha especie de consola portátil deslizando un panel con controis propios dun mando de consola (como son unha cruceta e botóns de disparo), lembrando ao deseño que tiña a consola portátil PSP Go, tamén de Sony.
Agora é a marca Ayaneo a que quere recuperar o formato, e está a preparar unha campaña de micromecenado en Kickstarter para lanzar a súa nova Ayaneo Pocket Play, que quere presentarse como unha fusión entre o teléfono móbil e a consola portátil.
A Ayaneo Pocket Play ten o mesmo formato que o Sony Xperia Play e a PSP Go, e busca atraer usuarios achegando o espírito das consolas portátiles ao mundo dos móbiles, e aínda que non adiantaron as especificacións deste produto, semella que vai ser un produto de calidade que agradecerán os que gustan de gozar de xogos móbiles e tamén de emuladores cando están en mobilidade ou non teñen unha grande pantalla a man.