Ayco e Vodafone ilustrarán aos empresarios galegos sobre as vantaxes do uso de MDM e NFC

martes, 2 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Para permitir un achegamento de primeira man á tecnoloxía MDM (Xestión de Dispositivos Móbiles) e NFC ás 9:30 horas terán lugar este mércores no Hotel Nagari de Vigo e o 4 de outubro no Hotel Carrís de Marineda unhas xornadas informativas organizadas por Vodafone e a compañía viguesa Ayco, pioneira na aplicación da tecnoloxía NFC na xestión diaria das empresas.
As etiquetas NFC están a permitir que as compañías poidan identificar usuarios coma se fose un sistema de xestión de presenza daquelas persoas que traballan a distancia e envían información automática con só achegar o móbil a estes elementos sen fíos de curto alcance, de xeito que conséguense optimizar os tempos de resposta, intercambiar información relevante, enviar avisos de chegada ao lugar de traballo... só con combinar o uso de etiquetas NFC e un smartphone co NFC integrado.

Aínda que o uso principal do NFC é a realización de pagamentos, é posible aproveitar esta tecnoloxía para moitos outras funcións na empresa

Ayco proporcionou a varias empresas galegas a aplicación que lles permite utilizar esta tecnoloxía. Por exemplo, nunha empresa colocou as etiquetas nas diferentes localizacións onde ten máquinas a compañía, para que un usuario cunha BlackBerry con NFC poida chegar ás máquinas que supervisa, activa a aplicación desenvolvida por Ayco e xa pode interactuar coas etiquetas, ou sexa, que con só aproximar o smartphone á etiqueta dunha máquina pode recibir no seu terminal datos asociados á etiqueta, como a relación das últimas incidencias, o manual, o contrato co cliente ou incluso os repostos dispoñibles en almacén.