Azure tamén actúa contra os discursos de odio

venres, 10 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Gab.ai quere converterse nunha rede social alternativa sen cancelas, aínda que non para de atopar atrancos por mor da radicalidade dos seus usuarios

Nas últimas semanas semella que nos EE.UU. os provedores de servizos na Rede declararon a guerra a certo tipo de contidos polémicos, co peche de páxinas e canles de medios como InfoWars, de aí que non sexa sorprendente que Microsoft movese ficha no caso de Gab.ai, unha plataforma que quere consolidarse como a alternativa a Twitter para a extrema dereita norteamericana, que recibiu unha notificación de Microsoft Azure solicitando a retirada de contidos que violan as condicións do servizo de computación e almacenamento na nube.
Tratábanse dun par de publicacións do usuario Patrick Little, nas que facían un chamamento á «completa erradicación de todos os xudeus», o que dende Microsoft consideran que é unha incitación á violencia que non pode considerarse como un acto de liberdade de expresión, polo que solicitaron a retirada do contido que, de non atenderse, podería supor a suspensión do servizo de Azura para Gab.ai.
O propio Patrick Little eliminou as publicacións polémicas de xeito voluntario, e dende Gab.ai están a aproveitar todo este rebumbio para captar financiamento para poder facer que a súa plataforma poida contar cunha infraestrutura de seu que non teña que acatar condicións de servizo de compañías como Microsoft, que claramente están en contra da distribución de contidos claramente ilegais baixo o amparo dunha suposta liberdade de expresión da que algúns non entende os límites.
Aínda que hai bastante diferenza entre o antisemitismo de Patrick Little e as teorías conspiranoicas de Alex Jones (Infowars) ambos casos son exemplos de informacións tóxicas que poden desembocar en actos violentos, de aí que nas últimas semanas os xigantes da Internet queiran construír unha devasa para evitar amplificar as súas mensaxes de odio.

PUBLICIDADE