B100 (Abanca) presenta un produto de aforro que recompensa por limitar tempo en redes sociais
xoves, 6 de marzo do 2025
B100, o novo modelo de banca dixital de Abanca, presentou este xoves 6 de marzo en Madrid un novo produto, Off to Save, que achega un método de aforro automático vinculado ao tempo que o usuario pasa en redes sociais. “Se ata o de agora só podíase aforrar camiñando ou correndo, agora os nosos clientes poden aforrar simplemente desconectándose de redes sociais un intre cada día”, explicou Jorge Mahía, o director executivo de B100, durante a rolda de prensa nun espazo inesperado, o Museo Arqueolóxico Nacional.
O novo servizo da entidade, dispoñíbel coa última actualización da súa aplicación, permitirá aos usuarios dobrar o importe máximo diario a traspasar á súa Conta Health, unha conta extra remunerada ao 3,40% TAE deseñada para animar aos seus clientes para cumprir certos retos saudables.
O usuario pode elixir diferentes retos diarios de desconexión, desde o máis esixente (conectarte só 15 minutos ao día), ata o de menos esforzo, 1 hora ao día. A menor tempo en redes, maior é a cantidade diaria que se pode traspasar á Conta Health, unha conta que ofrece un extra de remuneración ao 3.40%TAE. “Como en Move to Save, o reto de saúde física co que lanzamos B100 hai un ano, a nosa aplicación conéctase agora o sistema operativo do teléfono só para ler o tempo que pasas en redes, dunha forma absolutamente respectuosa coa privacidade e que só utilizamos para saber se o usuario cumpre o seu reto”, explicaba Paloma Barreiro, responsábel de produto de B100, que engadiu que as redes sociais que se toman en consideración para este reto de desconexión dixital son X/Twitter, Bluesky, Instagram, Facebook, Tik Tok e Snapchat. “Deixamos fóra”, continuaba Barreiro, “outras redes de uso máis profesional ou educativo, pero en ningún caso trátase de demonizar tecnoloxías que, ben usadas, poden ter un impacto moi positivo nas nosas vidas”.
Para acompañar a presentación deste novo produto, B100 despregou unha campaña que levou a varios influencers de renome a deixar de publicar por un tempo nas súas redes sociais. Ademais, a entidade puxo en circulación unha colección de adaptacións de memes que pretende chamar a atención sobre un uso que cada vez xera un maior debate entre expertos.