BBVA e Spotify achegan ao mundo a identidade musical da Coruña

luns, 13 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Sabiamos que A Coruña tiña identidade musical, o que se cadra non sabiamos é que este carácter único da cidade podía ter reflexo en listaxes de reproducións de Spotify. Así nolo conta o BBVA, a entidade bancaria, que vén de sacar unha ferramenta dixital pioneira (BBVA Valora) que tira proveito da análise da información a gran escala xerada nas redes (Big Data) para axudarnos (sexamos clientes ou non) a coñecer o valor das vivendas dunha cidade ou barrio. A aplicación, amais, permite analizar o barrio no que se atopan os inmóbeis e, grazas á entrada en xogo do xigante da música en streaming Spotify, coñecer a música da cidade na que estamos a procurar unha residencia. Entre as cidades estatais que emiten cancións (polo de agora) a través da ferramenta atópase A Coruña.
Tamén teñen radio de seu Barcelona, As Palmas, Madrid, Málaga, Palma de Mallorca, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza.
A intención do BBVA ao achegar estas funcionalidades complementarias é pór en xogo “a experiencia máis completa posíbel” á hora de accedermos ao mercado inmobiliario e procurar unha casa ou piso para comprar ou alugar.
Para cada cidade, elaborouse unha playlist en Spotify de até 30 cancións, cos xéneros musicais distintivos e singulares de cada unha delas. En concreto, a playlist da Coruña, xunto co resto de cidades, xa se pode escoitar no perfil de BBVA en Spotify. As cancións actualizaranse cada mes.
A entidade bancaria explica que “grazas a esta ferramenta, os usuarios descubrirán que os xéneros distintivos de Barcelona son o ska e o reggae, mentres que en Valencia ten máis presencia a copla e en Zaragoza, o punk. No caso da Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, predominan os artistas locais e en Sevilla e Málaga, o flamenco. En cambio, en Palma de Mallorca escóitase aos artistas máis veteranos e Madrid e Valladolid son as dúas cidades cunha maior diversidade musical”.

PUBLICIDADE