BFAero (GAIN) lanza a súa 5ª edición para captar novos proxectos de alto impacto

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no sector aeroespacial e no segmento dos vehículos non tripulados da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación), abre este venres 26, oficialmente, o prazo de inscrición na súa quinta edición. O obxectivo de GAIN é reforzar a aposta da Xunta “pola retención e captación de talento innovador na busca de propostas de alto impacto para o ecosistema aeroespacial e para a sociedade”.
Desde este venres ás 12.00 horas e ata o 19 de xullo ás 14.00 horas, emprendedores e emprendedoras, startups e empresas cunha idea innovadora centrada no sector aeroespacial e nos vehículos non tripulados poden presentar a súa candidatura a través da web www.bfaero.eu, onde tamén se poden consultar as bases da convocatoria.
A quinta edición da BFAero, na que se apoirán 11 proxectos, está dirixida a propostas de emprendemento no sector aeroespacial que se beneficiarán dun completo programa de apoio que contempla a mentoría por empresas e profesionais do sector, destacando a implicación das empresas Airbus, Avincis e Telespazio, formación especializada, acceso a infraestruturas, incorporación ao ecosistema do Polo Aeroespacial de Galicia, do que forman parte máis de 80 axentes; espazo para que as empresas desenvolvan a súa actividade, apoio económico e acceso a investidores.
As persoas emprendedoras contan con tres itinerarios aos que presentar a súa candidatura en función da súa maduración da idea e da empresa. Deste modo, o itinerario de incubación, no que se seleccionarán tres proxectos, ten unha duración de 12 meses e está dirixido a firmas sen constituír o de recente creación (ata cinco anos); o de aceleración, con 8 meses de duración e no que se escollerán cinco propostas, en pemes do sector aeroespacial e dos sistemas non tripulados que xa estean no mercado, cun modelo validado e que precisen medrar; e, finalmente, o itinerario de consolidación, que se estenderá 6 meses e que acollerá a tres proxectos, está enfocado a empresas cunha antigüidade máxima de 7 anos, con produtos e servizos no mercado e un alto potencial de crecemento, co obxectivo de que capten financiamento e avancen na súa internacionalización.
Os proxectos seleccionados na BFAero disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, no programa de incubación accederán a axudas por parte da Axencia Galega de Innovación de 40.000€. No caso dos proxectos de aceleración, poderán acceder a apoios de ata 60.000€ da Axencia Galega de Innovación e a préstamos participativos ou capital risco de ata 50.000€ de XesGalicia e, nos de consolidación, 30.000€ de axudas e ata 250.000 de financiamento de XesGalicia. Ademais, todos os proxectos poderán facer uso das infraestruturas e servizos singulares do ecosistema de Galicia a través dun bono por valor de 10.000€.
A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo, forma parte do mapa de aceleradoras de carácter innovador activado pola Xunta de Galicia nos últimos anos que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) e saúde (BFMedicines), entre outras.

PUBLICIDADE