BFFood selecciona 16 proxectos innovadores para a súa fase de incubación

venres, 10 de abril do 2026 S. P.

A Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia, e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), validou esta semana a selección dos proxectos que integrarán a fase de incubación da súa oitava edición.
Tras un intenso proceso de avaliación e entrevistas, o consello executivo (reunido con representantes do IGAPE, XesGalicia e CLUSAGA) aprobou a incorporación de 16 proxectos. Esta convocatoria destacou pola súa elevada calidade e competitividade, recibindo 70 solicitudes
válidas de orixe diversa, e tamén destacou polo alto compoñente tecnolóxico da escolma de firmas resultante.
Segundo salientaron as ditas entidades, a VIII edición da BFFood confirma a súa capacidade de atracción de talento internacional, e así, dos proxectos seleccionados, máis da metade proveñen de fóra de España (Arxentina, Colombia, Chile, Uruguai e Turquía), o que converte a esta edición na máis internacional da historia do programa.
Os proxectos responderon aos retos demandados polo sector galego, en particular nesta convocatoria foron a maioría relacionados coa sustentabilidade (Reto 4) e o desenvolvemento de novos produtos (Reto 5), reflectindo as tendencias actuais da industria cara a unha produción máis eficiente e circular. Entre as solucións aprobadas destacan propostas de Deep Tech, nanobiotecnoloxía, intelixencia artificial aplicada ao comercio de materias primas e novos ingredientes funcionais.
A partir desta semana os proxectos seleccionados comezarán un itinerario de acompañamento no que o mentoring será o eixo central. Contarán co apoio de empresas tractoras de referencia en Galicia, como CLUN, CONGALSA, Nueva Pescanova, Vegalsa-Eroski, Viña Costeira, Hijos de Rivera, Cafés Candelas, Casa Grande de Xanceda, CEAMSA, Quival, Kiwi Atlántico, Pereira Productos Del Mar, Bodegas Martín Códax e Valora Marine Ingredients.
Ademais do mentoring personalizado, os proxectos accederán a formación específica impartida polo sistema universitario galego (USC, UDC e UVigo) e apoio e adestramento estratéxico a través de FEUGA e ANFACO CYTMA, enfocado a validar os seus modelos de negocio e optimizar o seu lanzamento ao mercado. O programa busca que, tras esta etapa de incubación, os proxectos estean preparados para dar o salto á fase de aceleración e consolidar a súa actividade no territorio galego.
Nas sete edicións anteriores a BFFood impulsou 92 proxectos promovidos ou convertidos nun total de 68 empresas, creando mais de 250 empregos cualificados e unha inversión inicial de mais de 6 millóns de euros.
Proxectos seleccionados para a fase de incubación
-Kresko RNATECH: Desenvolvemento de ingredientes funcionais baseados en ARN bioactivo e estabilizados mediante intelixencia artificial para a industria alimentaria e de suplementos. O seu modelo B2B baséase na venda directa de ingredientes e servizos de descubrimento de novas moléculas baixo un enfoque asset-light.
-Levya: Produción de graxas e aceites funcionais mediante fermentación microbiana como alternativa sostible ao aceite de palma e á manteiga de cacao. Operan baixo un modelo B2B asset-light, externalizando a produción a plantas especializadas para evitar grandes investimentos en infraestrutura propia.
-Fluenzia: Plataforma modular de automatización de final de liña deseñada para democratizar a robótica nas pemes alimentarias mediante kits estandarizados e con marxe de configuración. O seu modelo híbrido combina a consultoría en eficiencia industrial coa venda de hardware e licenzas de software para a xestión de datos.
-BIOSentinel: Sistema de monitoraxe en tempo real da carga bacteriana en granxas mediante biosensores ópticos e intelixencia artificial para previr patóxenos. Operan baixo un modelo de subscrición DaaS (Data as a Service), onde o cliente paga polo acceso á plataforma de datos e alertas temperás. Axuda a reducir o uso de antibióticos e a mortalidade animal, garantindo seguridade alimentaria dende a orixe.
-Yamana: Desenvolvemento de bioinsumos de dobre acción (fertilizante e bioestimulante) baseados en microorganismos extremófilos da Antártida para mellorar a produtividade dos cultivos. O modelo de negocio B2B inclúe a venda directa a través de distribuidores locais, o licenciamento tecnolóxico a grandes corporacións e o co-desenvolvemento de solucións personalizadas. Son compatibles con agroquímicos convencionais, facilitando a súa adopción.
-Thales: Tecnoloxía de atomización patentada para a hixienización sostible da industria láctea que reduce o consumo de auga nun 90% mediante vapor seco. O seu modelo baséase no aforro compartido e na venda ou arrendamento (leasing) de dispositivos especializados para granxas efábricas. Permite un retorno operativo inmediato grazas á drástica redución de produtos químicos e recursos hídricos.
-Galaxy Pack SAS: Sistemas de embalaxe reutilizables para palés que substitúen o plástico film de un só uso, reducindo residuos e emisións de CO2 na loxística global. O modelo de negocio B2B céntrase na venda directa e nun esquema circular de renting a longo prazo para evitar grandes investimentos iniciais. A maiores xeran ingresos mediante servizos de mantemento e hixienización das fundas.
-Neurociencia Luyef: Validación sensorial obxectiva de alimentos mediante neurociencia aplicada, utilizando electroencefalogramas (EEG) e biometría para medir a resposta emocional do consumidor. Operan como un servizo B2B de consultoría especializada (Insights as a Service) con diferentes paquetes de estudos escalables. Axudan á industria a reducir o risco no lanzamento de produtos innovadores, como as proteínas alternativas.
-Agrosintex: Aditivo alimenticio funcional para gando bovino que reduce as emisións de metano nun 95% e mellora a eficiencia alimentaria nun 12%. O modelo B2B enfócase na comercialización recorrente a través de empresas de nutrición animal, fabricantes de pensos e grandes explotacións. A solución autofinánciase coa ganancia de peso do animal, incentivando a súa adopción masiva.
-Infood Protein: Biorrefinería circular que transforma residuos agroindustriais en bioestimulantes líquidos de alta eficacia utilizando insectos como biorreactores naturais. O modelo de negocio B2B céntrase na venda recorrente a través de distribuidores agronómicos para agricultura de precisión e drons. Tamén valorizan a fracción sólida resultante como substrato premium para sementeiros baixo un modelo de residuo cero.
-Chocolates B. Peruxiñas: Desenvolvemento dunha liña de chocolate de alta calidade Bean to Bar sen aditivos químicos e con rastrexabilidade total dende a faba de cacao. O modelo comercial apóiase nunha estratexia de venda cruzada aproveitando a carteira de clientes actual da marca de galletas Perusiñas. Diríxense a canles estratéxicas como cafeterías de especialidade, hostalería de alta gama e o sector corporativo.
-Ostras: Plataforma de crowdsourcing para o rescate de alimentos próximos a caducar en supermercados mediante unha aplicación móbil impulsada por IA. Ofrecen un modelo SaaS modular para retallistas e fabricantes que permite recuperar ingresos por mermas e obter analítica detallada do consumidor. A solución non require integración tecnolóxica custosa, facilitando a súa implementación inmediata.
-BioRefinería (BioRefQui): Sistema de extracción físico-química innovadora deseñado para recuperar compostos de alto valor a partir de descartes da agroindustria. O seu modelo híbrido combina servizos de I+D e extracción a medida para terceiros coa venda directa de ingredientes naturais recuperados. Promoven a economía circular transformando residuos industriais en activos para os sectores alimentario e cosmético.
-TutorIA (Galifritas): Centro Especial de Emprego tecnolóxico para a elaboración de patacas fritas artesás, integrando a persoas con discapacidade mediante un titor cognitivo con IA. O modelohíbrido optimiza custos operativos a través de subvencións ao emprego inclusivo e xera ingresos pola venda de snacks premium. O proxecto destaca polo seu elevado retorno social (SROI) e o uso da industria 5.0.
-Nanobiofood: Plataforma de nanobiotecnoloxía que transforma extractos vexetais en sistemas nanoestruturados para protexer compostos bioactivos e estender a vida útil dos alimentos. O seu modelo B2B baséase en contratos de I+D, acordos de transferencia tecnolóxica, licenciamento e comercialización directa de ingredientes funcionais. Axudan a reducir o desperdicio alimentario e a dependencia de conservantes artificiais.
-BioClé: Plataforma biotecnolóxica para a valorización de subprodutos lácteos, como o soro de leite, transformándoos en biocompostos como bioplásticos ou ácido láctico. Operan cun modelo B2B flexible que inclúe servizos de I+D, co-desenvolvemento de proxectos piloto e o licenciamento da tecnoloxía a grandes industrias. Converten un residuo custoso nunha nova fonte de ingresos sostible para as queixerías.