BIDI, o buscador da UVigo, acubilla preto de dous milleiros de investigadores

luns, 30 de outubro do 2017 Redacción

A Universidade de Vigo presentou hoxe o seu buscador de recursos innovadores. Trátase de BIDI, en palabras da UVigo “o escaparate das capacidades de I+D” da institución académica”, dispoñíbel no enderezo bidi.uvigo.es e poñendo a disposición da comunidade mundial preto de dous milleiros de investigadoras/es de arredor de 200 grupos de todos os eidos do coñecemento. Segundo fixo saber na presentación o reitor Salustiano Mato, amais dun buscador, trátase dunha ferramenta con capacidade para pórr en valor o traballo da Universidade e que a sociedade poida buscar solucións a problemas de I+D+i.
O buscador, que se pretende áxil e de utilidade, indexa os datos gardados na base de datos da Universidade BBDD SUXI-XC, que se actualiza coa información máis recente inserida polo persoal investigador, que, segundo se fixo saber na presentación, é o encargado de mantelos ao día. Ademais, engadiuse que o traballo co rexistro de investigación fai que o buscador acubille información sobre proxectos de investigación, contratos con empresas, patentes, teses defendidas, artigos de revistas, congresos, etc.
Os principais destinatarios da ferramenta son os integrantes do tecido socio-económico, o persoal investigador e o de apoio á investigación e transferencia. “O BIDI”, engadiuse, “dotará ao tecido socio-económico dunha ferramenta para que poida consultar de xeito doado a investigación e transferencia que se fai na Universidade”, unha ferramenta, por outra banda, transparente e con capacidade para captar socios para proxectos de I+D+i, así como interese das empresas polos desenvolvementos da Universidade.
O buscador, que permite buscas simples e avanzadas en galego, español e inglés, salienta por ser unha ferramenta “moi intuitiva, que permite refinar a busca e exportar os resultados a Excel”.

PUBLICIDADE