BackTrack, o gravador para guitarras eléctricas

xoves, 18 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Aínda que nos videoxogos estean a arrasar as guitarras de xoguete o mundo da tecnoloxía non esquece as guitarras eléctricas de verdade, e Line 6 comercializa un interesante dispositivo coñecido coma BackTrack que funciona a xeito de gravador específico para guitarras eléctricas (se activa con só detectar sinal) que incluso conta cunha versión cunha entrada de micrófono (para poder rexistrar tamén voz).
O BackTrack conéctase entre a guitarra e o amplificador, e permite a gravación de ata 12 horas no seu modelo básico con 1 Gb de memoria (o modelo que incorpora entrada de micrófono inclúe 2 Gb de memoria, polo que pode almacenar o dobre de música).
As gravacións sonoras a 24 bits e 48 KHz en formato WAV poden transferirse a un ordenador por USB (conector que tamén serve para recargar o trebello) de xeito que é doado facer un seguimento de ensaios e momentos de inspiración coa guitarra. O modelo básico se vende a 139,99 dólares, mentres que o que inclúe toma para micrófono custa 209,99 dólares.

PUBLICIDADE