Bahía Software participa nun proxecto internacional para a creación dun mapa celular do útero

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Redacción

JPEG - 278.5 KB
Imaxe da constitución de HUTER en Valencia o pasado 8 de xaneiro

A compañía galega Bahía Software forma parte do consorcio internacional HUTER, que ten como obxectivo a creación dun mapa celular do útero humano para comprender, célula a célula, todas as relacións e cambios xenéticos e proteómicos, incluíndo información espacial, involucrados neste importante órgano. HUTER é un dos 6 proxectos piloto da iniciativa global Human Cell Atlas, cuxo fin é o desenvolvemento dun mapa celular completo de todo o corpo humano, grazas á innovación e as novas tecnoloxías.

Un proxecto internacional de investigación celular

Bahía Software é a única empresa galega presente no proxecto HUTER, que conta co apoio da Comisión Europea e enmárcase nunha iniciativa global que involucra a máis de 70 países e preto de 1.000 organizacións. Esta iniciativa persegue o desenvolvemento dun mapa celular completo de todo o corpo humano que sirva de guía aos investigadores e clínicos nas súas investigacións en campos de máximo interese como o cancro ou a medicina reprodutiva. Así, o proxecto HUTER centrarase na creación dun mapa celular do útero.
Trátase dun traballo multidisciplinar e coordinado internacionalmente que involucra a varios expertos e que xera grandes volumes de información, frecuentemente en forma de imaxes extremadamente complexas. O traballo de Bahía Software consistirá, concretamente, na construción da infraestrutura tecnolóxica necesaria para garantir un intercambio áxil e seguro dos datos que xerará o equipo de investigación de HUTER. Ao mesmo tempo, a tecnolóxica galega explorará algoritmos de conversión para que boa parte da información xerada poida ser compatible coas bases de datos e formatos máis habituais no sector médico.
O proxecto HUTER (coordinado polo Instituto de Investigación Sanitaria INCLIVA e o Wellcome Sanger Institute) comezou en Valencia o pasado 8 de xaneiro. Ademais de Bahía Software, participan tamén a institución de referencia internacional no mapeo de proteínas, Uppsala University (Suecia); o grupo de epixenética da University of East Anglia (UK), e o Competence Centre on Health Technologies (Estonia), como especialista en tecnoloxías para a medicina reprodutiva e fetal.

PUBLICIDADE