Bahía contribúe a implantar metodoloxías de desenvolvemento áxil en Abanca

mércores, 23 de decembro do 2015

Abanca quere ir máis lonxe aínda no que se refire a calidade e excelencia tecnolóxica de seu, unha calidade avalada entre outras cousas pola obtención recente do nivel 5 en CMMI (Modelo Integrado de Capacidade e Madurez, nas súas siglas en inglés), un estándar internacional que a sitúa como a única entidade financeira europea e segunda no mundo en dispor deste nivel de certificación. Agora, Abanca vén dar a coñecer a súa colaboración coa empresa galega Bahía Software, que participa no proxecto piloto de implantación da metodoloxía áxil Scrum na entidade financeira. Este traballo conxunto representa, en palabras de Abanca e Bahía, unha aposta por modelos de calidade que permitan o desenvolvemento rápido e eficiente de software para responder as necesidades altamente cambiantes do mercado.
Segundo lembran, a colaboración entre as firmas comezou este mesmo ano, centrándose no mantemento e evolución dun sistema de información para a xestión dunha área específica de apoio ao negocio. Neste equipo, engaden, participan varios departamentos con diferentes perfís de usuarios que, de continuo, demandan novas funcionalidades e melloras. O proxecto no que participa Baía Software abórdase como un piloto de implantación de metodoloxía áxil (Scrum) que permite xestionar as expectativas dos diferentes usuarios. Ademais, informan, está aliñado co proceso de mellora no desenvolvemento de software acorde ao nivel CMMi5 implantado en Abanca, “sendo a entidade financeira unha das poucas no mundo que a posúen”.
Para a implantación da metodoloxía cóntase, ademais da experiencia de Baía Software no uso de Scrum e procesos CMMi, co apoio da Área de Calidade da entidade financeira para a definición do proceso e a selección de ferramentas. Segundo explica a banca, unha vez definido o proceso e realizado un estudo de ferramentas de mercado, decidiuse empregar Team Foundation Server (TFS) de Microsoft, plataforma de colaboración no núcleo da solución de administración do ciclo de vida das aplicacións (ALM).
“A implantación da metodoloxía”, explican, “redunda nunha mellora considerable no control dos desenvolvementos, xa que define entregas revisables de maneira periódica e axuda á xestión das expectativas por parte os usuarios”. E engaden, ao respecto da pertinencia de apostaren as empresas por este tipo de técnicas: “O emprego de metodoloxías áxiles é cada vez máis necesario en contornas moi cambiantes e en organizacións que contan con usuarios heteroxéneos xa que permite aliñar, desde o inicio, as necesidades dos usuarios cos desenvolvementos realizados”.