Baiona aposta pola tecnoloxía para promover o seu turismo cunha nova xincana dixital
martes, 18 de febreiro do 2025
A Oficina de Turismo de Baiona presentou unha innovadora proposta turística que combina historia, entretemento e novas tecnoloxías: a Xincana Dixital. O acto contou coa presenza do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, a concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, e os primeiros participantes nesta experiencia, un grupo de usuarios da asociación Avelaiña.
Presentáronse dous roteiros interactivos, O peregrino perdido e Os segredos de Baiona, deseñados para descubrir o patrimonio da vila “dunha maneira diferente e amena”, explicaron o rexedor e máis a concelleira, poñendo o foco na metodoloxía dos roteiros: a través dun sistema de pistas ao estilo dunha escape room, as pesoas participantes deben resolver preguntas e enigmas utilizando os seus teléfonos intelixentes para avanzar na historia.
Baixo o lema Achégache, descobre e aprende xogando en Baiona, ambos os roteiros están pensados para todos os públicos, xa sexa en familia ou de maneira individual. Cunha dificultade baixa, un percorrido de aproximadamente dous quilómetros e unha duración estimada de 80 minutos, estas xincanas converten ao visitante en protagonista, ofrecendo unha experiencia máis inmersiva que a tradicional visita guiada.
Os segredos de Baiona céntrase na chegada da Carabela Pinta, cun itinerario que comeza no Pozo da Augada, percorre os arredores da fortaleza de Monterreal e finaliza no monumento ao Encontro entre dous mundos. Pola súa banda, O Peregrino perdido aproveita o paso do Camiño de Santiago pola costa para ofrecer un roteiro con maior énfase no centro histórico.
Equipados cos seus teléfonos móbiles, os membros de Avelaiña tiveron a oportunidade de estrear a xincana Os segredos de Baiona, coas súas monitoras e a concelleira de Turismo que percorreron o itinerario, demostrando a gran acollida “desta nova iniciativa que busca reforzar a oferta turística de Baiona cunha proposta interactiva e accesíbel para todos”, sinalaron na presentación.