Baiona habilitará dúas ducias de balizas electrónicas para achegar información turística aos móbiles

venres, 19 de agosto do 2022 S. P.

O Concello de Baiona vai dar un impulso transformador e dixitalizador aos seus servizos turísticos. Segundo informaron a Deputación de Pontevedra e o Gobenro local, Baiona tirará proveito das posibilidades interactivas que achegan os dispositivos móbiles para enriquecer as experiencias de todas as persoas que acudan á vila, e máis polo miúdo á súa Oficina de Turismo. Empregaranse neste punto recursos como novos soportes de datos (beacons), unha impresora braille ou un bucle magnético. O proxecto chámase Tourist Inside e conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno.
As melloras foron anunciadas pola presidenta provincial, Carmela Silva, quen tamén comunicou investimentos nos vindeiros meses de cara á dixitalización desta oficina da man do proxecto europeo Tourist Inside Rías Baixas. Fíxoo nunha visita a este espazo de información na que tamén estivo presente o alcalde de Baiona, Carlos Gómez.
Segundo explicaron, Tourist Inside fará “que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación sirvan para optimizar a satisfacción das e dos visitantes da oficina de Baiona así como a experiencia turística das persoas con diversidade funcional, dado que ao abeiro deste proxecto instalarase unha impresora braille na oficina, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, así como un bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello”.
A oficina de Baiona tamén contará cunha pantalla de 55 polgadas no seu interior na que se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia así como cun tótem situado na fachada exterior do inmóbel no que se proporcionará información do destino. Do mesmo xeito, habilitarase unha tableta que se empregará para realizar enquisas de satisfacción.
Ademais, en 24 puntos do concello disporanse beacons, ou sexa, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía Bluetooth.
Na presentación tamén se fixo saber que o punto de información dispón do distintivo de calidade que outorga o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que “converte a oficina nunha referencia na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados”.

PUBLICIDADE