Balidea aposta por tecnoloxías da fala en galego

mércores, 1 de xuño do 2022 S. P.

Con motivo da celebración das Letras Galegas a empresa compostelá Balidea fixo un pequeno balance da súa actividade recente pola promoción da nosa lingua a nivel tecnolóxico, unha liña de acción que se materializa no desenvolvemento de tecnoloxías que permiten interactuar co mundo dixital en galego. Este é o alicerce do traballo desenvolvido por Andrés Piñeiro dende a área de I+D+i de Balidea, cuxo cometido específico non é outro que avanzar na comprensión automática da linguaxe falada na comunicación persoa-máquina, mediante o desenvolvemento e implementación de axentes conversacionais por voz.
A través deste proxecto, que colleu corpo a través do programa de Doutoramento Industrial da Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración coa Universidade de Vigo, Balidea busca “contribuír ao desenvolvemento da tecnoloxía da fala e da linguaxe en ambientes bilingües galego-castelán” e lembra, tamén, que actualmente non existen sistemas estándar para o NLP (procesamento de linguaxe natural, polas súas siglas en inglés) ou para o SLU (en inglés, comprensión da linguaxe falada) en galego.
Nun plano máis concreto, no plan da tese de Andrés prevese o desenvolvemento de prototipos que validen a investigación en tres ámbitos: o da Administración Electrónica, o sociosanitario e o da Industria 4.0. “Polo tanto”, explica a empresa compostelá, “o coñecemento e experiencia obtidas con esta investigación suporán un referente dentro do mundo dos asistentes conversacionais en galego-castelán, cunha grande proxección de cara ao seu posíbel uso polas administracións e empresas galegas”.
Balidea tamén lembra no seu balance que xa conta con anos de experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías da fala baseadas en Intelixencia Artificial (AI), con algúns proxectos dos que xa se realizaron probas piloto e outros que están en proceso (neles iranse aplicando todos os avances obtidos durante este programa de doutoramento).

PUBLICIDADE