A empresa tecnolóxica Balidea, con sede principal en Santiago, comezou o ano dando novos e destacados pasos en materia de saúde dixital, é dicir, no eido das ferramentas e os sistemas intelixentes aplicados á atención médica. Neste ámbito insírese o proxecto que a compañía está a desenvolver para o Servizo Galego de Saúde (SERGAS), mSaúde, unha plataforma de homologación de aplicacións móbiles e contidos para a autoxestión da enfermidade o apoderamento dos pacientes.
O alicerce do proxecto é o concepto de saúde móbil (mHealth), que define a aplicación de tecnoloxías á atención sanitaria. Segundo informa Balidea, este ámbito de acción disparouse nos últimos anos e seguirá a medrar nos vindeiros, achegando, de maneira parella, unha serie de retos. Por exemplo: a necesidade de coñecer o grao de credibilidade e fiabilidade das aplicacións de saúde en aspectos como evidencia científica, protección de datos ou interese do contido.
O obxectivo da plataforma mSaúde do Servizo Galego de Saúde é (precisamente) establecer un proceso de certificación por entidades de confianza de apps de atención sanitaria para a súa posible prescrición e/ou utilización.
Balidea lembra que o devandito proceso implicará a participación de organizacións de recoñecida reputación en temas sanitarios (como servizos de saúde e a colaboración doutros actores como consultores tecnolóxicos, pacientes, etc) e que a certificación das ferramentas dará lugar “á creación dun catálogo de ferramentas móbiles certificadas para consulta por usuarios finais ou polas propias organizacións, a través do portal público de mSaúde”.
Así, dende a aplicación de xestión, parte privada de mSaúde, realizarase a xestión do proceso de certificación das apps e homologación de entidades colaboradoras, ademais da propia administración e configuración da plataforma. No proceso poden participar tanto empresas, como fabricantes ou auditores, profesionais da saúde e pacientes ou a cidadanía.
Tecnoloxías
No plano máis técnico, Balidea lembra que a arquitectura de plataforma mSaúde constará dun frontend e un backend completamente desacoplados, sendo o frontend todo o que os usuarios poden ver e empregar mentres navegan e interactuan, e o backend todo o que está detrás dun sitio ou ferramenta e fai que operen de xeito correcto.
O backend de mSaúde foi deseñado como unha arquitectura Java baseada en microservizos con Oracle como sistema xestor de base de datos. mSaúde incorporará Smart Contracts despregados sobre Ethereum para a creación dun rexistro descentralizado. Segundo Balidea, foi deseñada “cun enfoque orientado a servizos o que facilita a integración con sistemas de xestión hospitalaria en prescrición ou recomendación” e permitirá, ademais, “incorporar datos de homologación doutras organizacións e promover estratexias de interoperabilidade”. A integración con tecnoloxías de cadea de bloques (blockchain) complementa o conxunto do desenvolvemento garantindo que funcione “como un rexistro descentralizado que achegue seguridade no intercambio de información”.
Este proxecto enmárcase dentro do plan de innovación sanitaria Código 100, executado no marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Ministerio de Ciencia e Innovación, financiado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
Balidea dará forma a unha plataforma de homologación de apps para o apoderamento dos pacientes
Compartir Este Artigo
