Balidea desenvolve o novo portal web da Axencia de Coñecemento en Saúde

martes, 9 de xuño do 2020 Sonia Pena

Balidea vén de achegar unha nova contribución á listaxe de páxinas web accesíbeis e responsive da nosa terra, e fíxoo a través do novo portal web da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), que estreou portal desenvolvido pola firma con sede en Compostela. Segundo destaca a empresa, a web deseñouse “pensando en establecer un modelo de portal que fose quen de adaptarse a calquera área, centro ou fundación dependentes do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), personalizando a súa imaxe e estrutura”. Balidea encargouse do seu desenvolvemento, soporte, xestión de permisos e formación de persoas usuarias.
O portal é, ante todo, unha ferramenta orientada á cidadanía, que acubilla datos xerais da ACIS e as súas liñas de traballo, ligadas á investigación, a innovación, a avaliación de tecnoloxías, a formación e a docencia. Conta, ademais, cunha parte interna para a realización de actividades educativas e divulgativas, dirixida a dous perfís de persoas usuarias: membros da rede do SERGAS e persoas que non pertencen a ela. Todo o portal está en dobre versión idiomática, en galego e castelán; e ofrece, así mesmo, unha versión en inglés.

PUBLICIDADE