Balidea implanta a flexibilidade horaria e estende o teletraballo ao 100%

mércores, 17 de febreiro do 2021 Redacción

A empresa tecnolóxica Balidea vén de implantar no seu seo a flexibilidade horaria integral, co fin de estender a metodoloxía segura do teletraballo ao cen por cen entre o seu equipo de traballadoras e traballadoras.
Segundo informan fontes da firma con sede en Santiago, “unha das consecuencias derivadas da pandemia foi o cambio nos patróns de conduta e de interacción social, a todos os niveis, o que fixo que o traballo a distancia se convertese nunha das principais medidas acometidas polas organizacións como medio de protección fronte ao coronavirus”. Balidea lembra tamén que esta modalidade laboral xa fora habilitada previamente, no verán de 2019.
En orixe, esta opción ofrecía a posibilidade de realizar un 20% da xornada a distancia aos traballadores e traballadoras da área de Desenvolvemento e Produción TIC. Pero en marzo de 2020, coa irrupción da pandemia, esta medida trasladouse á totalidade do persoal e ampliouse ao 100% da xornada.
“Trátase”, explica a empresa, “dunha medida que quedou xa instaurada e que se viu ampliada neste 2021 grazas á posta en marcha dun piloto de horario libre, testándose a flexibilidade horaria e ofrecendo ás traballadoras e traballadores a posibilidade de decidir como querían repartir a súa xornada laboral”.
Coa posta en marcha destas e outras medidas Balidea pretende “contribuír a mellorar a calidade de vida do persoal e favorecer, na medida do posíbel, a conciliación da vida persoal e familiar”.

PUBLICIDADE