Balidea proba con éxito o seu asistente virtual para seguimento de pacientes no fogar: GiDi

luns, 21 de outubro do 2024 S. P.

A pasada semana levábase a cabo o desenvolvemento do proceso de validación de GiDi, proxecto de investigación desenvolvido por Balidea en colaboración con IDMind, a Universidade de Vigo e a Fundación IDIS (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago). O asistente virtual para o seguimento de pacientes no fogar era avaliado con persoas usuarias reais na residencia DomusVi de San Lázaro, en Santiago de Compostela.
O proxecto, que está subvencionado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e financiado polo programa Eurostars-3 da Unión Europea, consiste nun asistente virtual robótico que permite o seguimento dos pacientes desde o seu propio fogar. O obxectivo consiste en establecer unha vía de comunicación constante cos pacientes por medio da voz. Empregando tecnoloxías da linguaxe, e en base aos criterios establecidos polos profesionais sanitarios, GiDi realiza un seguimento, clasifica aos pacientes segundo a gravidade da súa condición e implementa protocolos personalizados de actuación. Deste xeito, os profesionais sanitarios poden centrarse naqueles doentes que requiren de atención inmediata.
A residencia DomusVi de San Lázaro, en Santiago de Compostela, foi o escenario de traballo do equipo de I+D+i de Balidea para validar a usabilidade do sistema e a capacidade de comprensión de acudir ás usuarias no seu propio idioma.