Bard chega finalmente a España
xoves, 13 de xullo do 2023
Bing leva varios
meses integrando ChatGPT no seu buscador, pero Google, pese a ter anunciado
dende hai tempo a integración do seu modelo de linguaxe, Bard, non remataba en traelo a España
por mor de garantir que cumpría coa lexislación europea a nivel de protección
de datos, pero finalmente parece que é así e por fin Bard
chega a España co que Google considera que é a súa meirande actualización
até agora.
Bard permítenos conversar cun modelo de linguaxe propio de Google en máis de 40
idiomas, pero non limita a información que presenta a unhas datas determinadas,
senón que tamén accede a información da Rede, de xeito que para certas tarefas
pode resultar moi práctico, xa que axiliza as buscas, atopando as respostas de
xeito moi rápido (aínda que cómpre advertir que a súa fiabilidade aínda é moi
discutible, padecendo as alucinacións propias dos sistemas deste tipo,
ou sexa, que en numerosas ocasións Bard inventa os datos e achégaos coma se
fosen certos).
As respostas de Bard son en formato texto, pero tamén poden escoitarse en voz alta
mediante unha voz sintética, e os usuarios tamén poden escoller entre varias
opcións de resposta.
A actualización de Bard que coincide coa súa chegada a España incorpora a
opción de fixar, organizar e modificar conversas, exportar código a máis
sitios, compartir as respostas cos amigos e tamén permite empregar imaxes nas
mensaxes (pois Bard é capaz de tirar proveito da tecnoloxía de recoñecemento de
imaxes de Google Lens).
Podemos así tirar proveito de Bard para resolver dúbidas, xerar código
informático, redactar textos ou servir de inspiración, na liña do que moitos xa
viñan facendo nos últimos meses con ChatGPT.