Barnes & Noble estrea un tablet orientado á lectura de libros e revistas

martes, 26 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O lector de libros electrónicos de Barnes & Noble, o NOOK, está a ter unha boa acollida comercial, destacando por contar con dúas pantallas (unha de tinta electrónica de 6 polgadas en branco e negro e outra máis cativa, de cor e con capacidades táctiles) e ter un prezo atractivo, pero en vista de que neste tipo de tecnoloxía o Kindle de Amazon parece insuperable, dende B&N decidiron reorientar a súa estratexia e transformar o NOOK nun tablet con Android, de xeito que abren as portas ás cores (revistas) e ás aplicacións.
O novo NOOKcolor é un tablet cunha pantalla táctil de cor de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 448 gramos de peso, Wi-Fi N, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), batería cunha autonomía de 8 horas de lectura continua (ou sexa, coa conectividade Wi-Fi apagada), sistema operativo Android 2.1 (actualizable a 2.2 o ano que vén, de xeito que tamén incluirá soporte de Flash), soporte de ficheiros ePUB, PDF, Word, Excel e PowerPoint, imaxes (JPEG, PNG, GIF e BMP) e vídeo (a través do Android Media Player), pero sen acceso ao Android Market, de xeito que o ecosistema de aplicacións dispoñible para este trebello queda controlado por Barnes & Noble (compañía que non esquece o acceso a plataformas de redes sociais), contando tamén cunha interface de uso profundamente personalizada e optimizada para os seus usos principais.
Comparándoo co anterior NOOK queda claro que o novo dispositivo perde vantaxes como a posibilidade de permitir a lectura baixo a luz do sol, pero coma contrapunto temos a súa versatilidade e a posibilidade de permitir navegación web e a lectura de contidos en cor, de xeito que xa non estamos ante un simple eReader en branco e negro, senón que tamén poderiamos acceder a revistas e contidos enriquecidos dende o NOOKcolor.
A data de lanzamento do NOOKcolor está fixada para o vindeiro 19 de novembro, a un prezo de 249 dólares (180,28 euros), aínda que é moi posible que a súa distribución quede limitada a Norteamérica, onde vai estar dispoñible nas tendas de B&N, Wallmart, Best Buy e Book-a-Million, sen desprazar do mercado ao anterior NOOK (que continuará a estar dispoñible nas súas versións con Wi-Fi e 3G), polo que estamos ante unha ampliación do negocio, de xeito que os interesados en adquirir un tablet poden ver agora unha alternativa a trebellos coma o Samsung Galaxy Tab ou o iPad, a un prezo moi inferior, e cunha orientación de uso máis definida á lectura de contidos.
Para quen dubide das desvantaxes do tipo de pantalla do NOOKcolor podemos comentar que estamos ante un panel VividView subministrado por LG e que pertence a unha nova xeración de pantallas LED que coida o consumo enerxético, á que engadiron un protector anti reflectinte para reducir os brillos e mellorar a lectura en distintos ángulos.

A posibilidade de ler revistas é unha das grandes posibilidade que estrea o novo NOOK

O NOOKcolor estrearase cunha oferta de contidos moi ampla, xa que aparte dos 2 millóns de libros electrónicos actualmente dispoñibles para NOOK, chegaron a un acordo con Condé Nast e Hearst, de xeito que terá un amplo catálogo de revistas dispoñibles, sendo o primeiro dispositivo en ofrecer sobre 100 xornais e revistas en cor (tanto coma números soltos coma mediante subscrición) con publicacións de peso coma The Wall Street Journal, The New York Times, Rolling Stone, National Geographic e Elle. Será posible probar de balde as subscricións as distintas publicacións durante 14 días.
Tamén reproduce música, aproveitando este tipo de función multimedia para a comercialización dos NOOK Kids, libros interactivos para nenos que incluirán debuxos acompañados pola locución de narradores profesionais. Comezarán cuns 130 contos ilustrados para dobrar esta oferta antes de rematar o ano.
O NOOKcolor remata a súa xogada permitindo a instalación de xogos (principiando por varios de balde), aínda qué é de agardar que o número de aplicacións dispoñible para este dispositivos vaia medrando paulatinamente, polo que poderiamos estar ante un dos tablets máis atractivos para boa parte do público norteamericano.


O novo NOOKcolor en acción

As revistas poden visualizarse dun xeito bastante elegante no NOOKcolor

PUBLICIDADE