Barro acolle en novembro catro obradoiros TIC para impulsar a competitividade

venres, 8 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede da Deputación de Pontevedra para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia, achéganos este outono un amplo programa de accións de dixitalización. Aos 42 obradoiros dos que informamos os días pasados dende Código Cero (sete en Ponteareas, sete en Vigo, sete no Porriño, sete para a oficina de Pontevedra, sete en Cambados e sete obradoiros máis en Lalín) cómpre engadir catro máis para o Viveiro de Barro.
Así, os cursos tecnolóxico-dixitais que se impartirán desde este venres día 8 ata o 26 de novembro serán os seguintes: Visita á Empresa Filament2Print, que se desenvolve este 8 de novembro de 16 a 17.30 horas; Impresión 3D Orientada á Xoiería, que será o venres 15 de novembro de 10 a 14 horas; Que é o Internet das Cousas (IoT) e que Promete, programado para o xoves 21 de novembro entre as 19 e as 21 horas; e, finalmente, Ciberataques: que son e cales son os seus Riscos, que será o martes 26 de novembro de 19 a 21 horas.
Agás Visita á Empresa Filament2Print, que, pola súa natureza, desenvolverase na sede da empresa en Nigrán, os obradoiros impartiranse no Viveiro do polígono de Barro (Polígono Industrial de Barro, parcelas A4.5). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE