Batgirl chegará a Batman: Arkham Knight a partires do 14 de xullo

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Warner Bros. Interactive anunciou que o capítulo descargable Batbirl: Un Asunto de Familia para o xogo Batman: Arkham Knight chegará a Xbox One e PlayStation 4 o vindeiro 21 de xullo, sen facer ningunha referencia ao que acontece coa versión de PC, que pese a ser retirada das tendas, foi instalada por milleiros de usuarios que en moitos casos están a gozar do xogo e recibir actualizacións que corrixen as súas numerosas carencias técnicas.
O novo contido descargable venderase de xeito independente a un prezo de 6,99 euros, mentres que os usuarios que adquirisen o pase de tempada non só o recibirán sen custo adicional, senón que tamén o recibirán con antelación, o 14 de xullo.
Batgirl: Un Asunto de Familia é unha expansión totalmente nova que permitirá empregar a Batgirl por primeira vez na saga de Arkham, de aí que esteamos ante unha precuela de Batman: Arkham Knight, xa que lembremos que o personaxe que está detrás da carapucha é Barbara Gordon, que durante a triloxía de Rocksteady Games está nunha cadeira de rodas por consecuencia dunha ferida de bala infrinxida polo Joker.

PUBLICIDADE