Batman: Arkham Knight chega mañá ás tendas

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Tras unha longa espera por fin chega Batman: Arkham Knight, o xogo que pon peche á triloxía de Arkham de Rocksteady Studios iniciada en 2009 co xogo Batman: Arkham Asylum e que mañá chegará ás tendas, podendo xa descargarse dende a vindeira noite dende as distintas plataformas dixitais nas que pode reservarse.
Esta nova entrega das aventuras do gardián de Gotham mellora o seu sistema de combate (permitindo loitar coa axuda de Robin e Catwoman) e incorpora ao Batmóbil na súa mecánica, de xeito que, volveremos ver como Batman se enfronta a Dúas Caras, o Pingüín, Harley Quinn ou o Espantallo (así como un novo inimigo misterioso chamado Gotham Knight) pero levando a experiencia de xogo un paso máis adiante do que permitía a anterior xeración de consolas de videoxogos.
Os usuarios de PC poden mercar anticipadamente a versión ordinaria do xogo por 49,99 euros, mentres que por 80,90 euros terían tamén o seu pase de tempada; a versión de PlayStation 4 pola súa banda custa 69,99 euros na versión normal e 99,99 euros co pase de tempada; mentres que os usuarios de Xbox One poden facerse por 69,99 euros coa versión normal e por 98,99 euros co pase de tempada.
Entre as vantaxes de mercar o xogo anticipadamente está que o xogo pode descargarse antes do día de lanzamento, para que se active no momento que o xogo sae á venda, reducindo ao mínimo o tempo que ten que agardar un usuario para gozar dun xogo.


Trailer de lanzamento de Batman: Arkham Knight

PUBLICIDADE