Batman: Arkham Knight terá unha expansión protagonizada por Batgirl

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

O xogo Batman: Arkham Knight chegará ás tendas a finais de xuño, pero non rematará aí, senón que os usuarios interesados poderán adquirir un pase de tempada para ampliar a aventura durante os seis meses seguintes, achegando máis narrativa, máis misións, máis desafíos e máis personaxes e vehículos, incluíndo material que non encaixaría na trama principal deste título de Rocksteady Studios.
Ante a interese sobre estes contidos que chegarán tras o lanzamento do xogo, comezan a dar detalles dos mesmos, entre os que resulta especialmente rechamante a expansión Batgirl: A Matter of Family¸ unha historia a xeito de precuela que estará ambientada nunha nova localización e que permitiranos adoptar o rol de Batgirl por primeira vez nesta saga. Polo momento non anunciaron quen sería esta Batgirl, que ben podería ser a propia Barbara Gordon antes de quedar paralítica, aínda que é máis probable que esteamos ante Cassandra Cain (quen vestiu a máscara do morcego durante varios anos) ou Helena Bertinelli (que adoptara o papel durante a historia de Tierra de Nadie).
No pase de tempada tamén teremos as expansións The Season of Infamy (unha nova historia na que Batman debe defender a Gotham da invasión de super-viláns lendarios) e Gotham City Stories (no que xogaremos como aliados de Batman en misións situadas antes e despois dos acontecementos de Batman: Arkham Knight), e outros contidos adicionais como poder gozar dos batmóbiles máis populares dos 75 anos de historia de Batman, contar cunha serie de mapas de desafío adicionais e ter un amplo abano de skins para poder facer que Batman, Robin, Nightwing e Catwoman amosen diferentes aparencias.

PUBLICIDADE